Toda a tempada en xogo en 8 días de infarto
Por Diego Espiño
É o momento da verdade para o Pontevedra Club de Fútbol. Agora si que, tras seis xornadas sen gañar, xa non hai rede e só vale sumar de tres en tres se se quere alcanzar o reto de finalizar a primeira fase da competición na Segunda División B entre os tres primeiros postos, o que daría o acceso directo a próxima campaña á nova categoría, a Primeira RFEF.
Sábeo o plantel e o corpo técnico granate. Consumiron todos os seus comodíns, pero pecharon filas e séguense aferrando ao traballo realizado para crer que é posible remontar o voo. Para iso antóllase decisiva a próxima semana de competición, e é que o Pontevedra afrontará tres partidos en apenas 8 días que poden facer cambiar por completo a percepción actual ou pola contra poden terminar de afundirlles.
Os de Jesús Ramos, en lixeira liña ascendente de xogo nas dúas últimas xornadas sen que resultase suficiente para vencer, comezarán ademais esa serie de compromisos cunha dobre cita en Pasarón, onde xa non poden voar máis puntos.
Primeiro, a golpe de sábado (17.00 horas) para dar máis tempo a preparar o duelo entre semana que vén despois, o que visitará o feudo pontevedrés é unha das revelacións da tempada, un Zamora que marcha segundo na táboa con 19 puntos por 14 dos granates, cos mesmos partidos disputados.
Despois chegará o mércores día 10 (17.00 horas) tamén na casa o momento de recuperar o duelo aprazado fronte ao Guijuelo, último clasificado con 7 puntos pero con tres encontros menos, e por último o 14 de febreiro será quenda de visitar o feudo dun Salamanca CF UDS que é noveno con 8 puntos.
Sumar 9 de 9 é a única vía para despexar as pantasmas actuais e seguir vivo nunha tempada no que a só tremenda igualdade permite aos pontevedreses depender aínda de si mesmos, claro que con 7 finais por diante sabendo que cada punto conseguido pode resultar decisivo.
De aí ao final os rivais que esperan o Compostela na casa, Deportivo fóra, Coruxo en Pasarón e de novo Guijuelo, esta vez a domicilio.
Relacionadas:
-
Un exgranate debutará o mércores no banco do Guijuelo en Pasarón
Por Manu Otero |
-
Jesús Ramos tras a derrota ante o Zamora: "Hay que hacer algo más para ganar los partidos sino es imposible"
Por Almu Dapena |
-
Interminable caída libre do Pontevedra, superado polo Zamora e a piques de dicir adeus á meta do ascenso (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra afronta sen Churre unha "gran final" para manterse na loita pola Primeira RFEF
Por Manu Otero |
-
Pitu, un xogador de banda "vertical" que ve o Pontevedra "un equipo grande"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pitu, reforzo ofensivo para o Pontevedra ao límite do prazo
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra deixa escapar o triunfo ante o Celta B no último suspiro e permanece na UCI (1-1)
Por Manu Otero |