O Teucro séguese afundindo tras caer con claridade contra o Villa de Aranda (28-23)
Por Almu Dapena
Novo ridículo da Sociedade Deportiva Teucro na cancha do segundo clasificado, o Villa de Aranda.
Os azuis, que chegaban á cita en situación delicada despois de dúas derrotas consecutivas, non puideron facer nada contra o seu rival que deixou sentenciado o partido os últimos compases da primeira metade.
O encontro comezou con imprecisións en ataque por parte de ambos os conxuntos, que non lograron abrir o marcador ata o minuto 3. O primeiro en abrir a lata foron os locais, pero Marko Dzokic respondeu igualando para o Teucro.
Así continuaron os minutos. O Aranda marcaba e os de Pontevedra respondían ata que lograron poñerse por diante cun tanto do recentemente chegado, Caue Herrera (4-5). A situación na cancha non gustou ao adestrador local, que decidiu pedir tempo morto para buscar a mellor maneira de facer dano ao Teucro e e igualar o encontro (6-6).
A partir de aí todo cambiou. Chegouse ao ecuador da primeira metade e os azuis comezaron a xogar os seus peores minutos. Unha serie de erros tanto en ataque como en defensa por parte dos azuis durante practicamente 10 minutos deron vida ao Villa de Aranda, que anotou 5 tantos de maneira consecutiva e poñía moi complicada a remontada (11-6).
Luís Montes pediu tempo morto para tentar dar coa tecla que volteara a situación. Os goles volveron chegar para o Teucro, pero tamén chegaban para os locais, que seguían con ese prezado colchón para chegar ao descanso (16-11).
Despois do paso polo vestiario todo seguiu igual. O Aranda era o claro dominador e aumentaba a súa renda en 8 goles (21-13) obrigando aos azuis para volver a parar o partido.
Chegábase ao minuto 10 da segunda metade e Iván Rodríguez saíu ao rescate do Teucro marcando tres goles seguidos (22-16), que deron paso a unha fase de intercambio de goles por parte de ambos os conxuntos (25-19) e que se mantivo ata o final do encontro.
Quedaban 3 minutos para que soase a bucina e o Teucro tíñao todo perdido. O marcador sinalaba 28-21 e só había tempo para maquillar o resultado. Finalmente, Andrés Moyano e Fran Bujalance marcaron os dous últimos tantos para os azuis e deixar o partido en 28-23.
Consulta as estatísticas do Villa de Aranda-Teucro na seguinte ligazón.
Relacionadas:
-
Empate de ouro para un Teucro que se quere aferrar á permanencia (27-27)
Por Almu Dapena |
-
Un erro groseiro da mesa condena o Teucro na súa visita ao Zamora (23-22)
Por Almu Dapena |
-
O Teucro xoga media vida en Zamora e o Cisne pon a proba a súa fortaleza en Málaga
Por Redacción |
-
Nin a heroica lle funciona ao Teucro, ao que outra mala primeira parte condénao a unha nova derrota (26-28)
Por Manu Otero |
-
Partido "trascendental" para o Teucro e nova proba á ilusión do Cisne
Por Diego Espiño |
-
Teucro e Cisne saen á caza de dous puntos en feudos inexpugnables
Por Manu Otero |
-
O Teucro confirma a fichaxe do brasileiro Caue Herrera
Por Redacción |
-
O Teucro non levanta cabeza e cae en casa ante o Málaga (23-27)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Derrota do Teucro tras unha desastrosa segunda metade fronte ao Córdoba (29-30)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |