Os cinco erros que condenaron ao Pontevedra en Eivissa
Por Manu Otero
O adestrador do Pontevedra, Luismi Areda, analizou este mércores despois do adestramento do equipo en Cerponzóns os motivos que conduciron á derrota do equipo no último partido de liga disputado en Eivissa. O técnico granate lamentou que o tanto da derrota, que chegou nos minutos finais do choque, produciuse "cando mellor estabamos". O preparador admitiu que na primeira parte o equipo estivo mal, pero "en liñas xerais, a segunda parte foi boa".
Aínda así, na sala de prensa debullou unha serie de motivos que impediron aos seus xogadores expoñer sobre o terreo de xogo o traballado durante a semana. Desaxustes individuais en defensa, un novo sistema que debe traballarse máis, o equipo encerrado no seu propio campo, ausencia dunha mentalidade máis ofensiva e dificultades para construír xogadas. "No descanso falámolo e fomos capaces de axustalo", recoñeceu Luismi.
DESAXUSTES EN DEFENSA
"O equipo sufriu moito na primeira parte porque houbo desaxustes a nivel defensivo", admitiu o preparador. Eses problemas nas marcas obrigaron aos tres medioscentros a multiplicarse en labores defensivos. "Tiveron que facer un traballo de moito correr, moitas axudas, moita cobertura e moita vasculación. levaron moito castigo defensivo", dixo o vigués. Na segunda parte tamén houbo fallos na marcaxe, como puido verse no segundo tanto dos locais no que Mendoza remata sen oposición desde o punto de penalti.
NOVO SISTEMA
Luismi expuxo por primeira vez unha defensa con tres centrais. "Non me arrepinto porque si que a traballabamos. Nun partido, os erros vense moito mellor. É un sistema que temos que traballar", admite. Con todo, o técnico está convencido de que esta nova disposición defensiva pode resultarlle útil en futuros partidos. "Hai que mellorala, pero creo que nalgún outro partido pódese volver dar porque temos xogadores para iso", asegura.
EQUIPO METIDO NA SÚA ÁREA
O Pontevedra foi incapaz de pisar o campo contrario durante a primeira parte e os motivos que levaron ao equipo a esta situación débense, segundo o técnico granate, a que "estabamos a defender ao bordo da nosa área e eramos incapaces de enlazar coa xente de arriba. Non estivemos ben defensivamente, afundímonos moito", recoñece o adestrador. Aínda que admite que o equipo puido facer algo máis, o empuxe do rival tamén influíu nesta circunstancia. "Obrigábannos a defender moi atrás, non eramos capaces de pasar de mediocampo", admite.
Tras o paso por vestiarios, o corpo técnico corrixiu estes erros e o equipo logrou dar un paso á fronte. "Corriximos algunhas cousas a nivel defensivo. Apertamos máis arriba, axustáronse os centrais cos carrileros e os mediocentros saltaron cos seus. Isto xa propiciaba que roubásemos máis adiantados", explica.
INCAPACES NA CONSTRUCIÓN
A presión alta do Ibiza e o forte vento que sopraba no campo balear afectaron á capacidade asociativa do conxunto. "A idea era estar replegados e buscar contras. Ao Ibiza gústalle saltar a campo contrario e iso ía xerar espazos ás costas da súa liña defensiva. Queriamos aproveitar eses espazos con xente rápida como Javi Pazos e Álvaro Bustos", planeou Luismi.
Con todo, o plan fracasou e obrigou ao equipo para buscar outras alternativas para pisar campo contrario. "Recuperabamos moi atrás e ademais tiñamos o vento en contra. Lanzabamos á xente máis adiantada pero o balón quedaba e volvíannos a roubar", confesa. Ante a imposibilidade de xogar en longo, o Pontevedra viuse obrigado a rasear o balón, pero "eles apertaban moi ben e non eramos capaces de dar tres paases de seguridade".
Estes problemas na construción da xogada nada teñen que ver, segundo o preparador granate, coa ausencia de xogadores máis creativos como Romay ou Pedro Vázquez. "Álex ten bo manexo de balón, Sana tamén e Álvaro Bustos é un xogadorque pode aparecer entre liñas. Enfócoo máis ao defensivo, que nos afundimos e estabamos os 21 en campo propio e non eramos capaces de asociarnos", argumenta.
MENTALIDADE
Admite Luismi que, de forma inconsciente, ao xogar como visitante o equipo salta ao campo cunha mentalidade máis defensiva que cando o fai como local. "Saes máis a defender que a atacar, témonos que soltar máis, xogar con tranquilidade e xerar máis perigo", reclama o ténico. En definitiva, "defendernos co balón", conclúe
Relacionadas:
-
Luismi pide tranquilidade e fuxir do nerviosismo para acabar coa mala serie
Por Manu Otero |
-
A falta de puntería e unha nefasta arbitraxe condenan ao Pontevedra fronte ao Atlético Baleares (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra recibe ao Atlético Baleares coa única dúbida de Nacho López
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra recupera a Romay e Javi López para recibir ao Atlético Baleares
Por Manu Otero |
-
Os erros no xogo aéreo condenan ao Pontevedra en Eivissa (2-1)
Por Redacción |
-
Jaouad Erraji e Alfredo Mejía estréanse na convocatoria do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O novo rol de Álex González
Por Manu Otero |