Louzán inicia o seu segundo mandato á fronte da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
Rafael Louzán xa é, de novo, presidente a todos os efectos da Real Federación Galega de Fútbol.
O dirixente inicia o seu segundo mandato como máximo responsable da federación deportiva con máis peso en Galicia tras ser proclamado este luns, sen necesidade de votación, pola Asemblea Xeral Extraordinaria da entidade celebrada nos baixos do Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro, en Santiago de Compostela.
A súa era a única candidatura formalizada no prazo establecido pola Federación, despois de que se asegurase a gran maioría dos apoios previamente nas eleccións dos asembleístas das catro provincias.
"O fútbol galego falou alto e claro consolidando o modelo de xestión que puxemos en práctica na Federación desde a nosa chegada", sinalou Louzán tras agradecer a confianza depositada na súa figura. Ademais o dirixente asegurou que o proceso electoral serviu "para consolidar o cambio de modelo na xestión federativa, un cambio de modelo en beneficio de todo o fútbol galego e que sitúa á nosa Federación entre as máis importantes de España".
Na súa intervención o recentemente proclamado presidente federativo fixo un breve repaso do seu primeiro mandato e presentou as ideas sobre as que virará o seu novo proxecto, tales como a mellora da atención sanitaria coa apertura de clínicas propias, a creación dunha liña de axudas para material deportivo, o fomento do fútbol feminino, a mellora das competicións de fútbol base ou a redución das tarifas arbitrais para reducir os custos aos clubs máis afastados das cidades.
Relacionadas:
-
Rafael Louzán, reelixido como presidente da Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
Rafael Louzán estréase como membro da xunta directiva da Federación Española de Fútbol
Por Redacción |
-
Directiva continuista para o segundo mandato de Rafael Louzán á fronte da Futgal
Por Redacción |
-
Louzán, único candidato a presidir a Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
Louzán encamiña a súa reelección como presidente da Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |