Louzán, único candidato a presidir a Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
Rafael Louzán Abal seguirá sendo durante catro anos máis presidente da Real Federación Galega de Fútbol.
A do expresidente da Deputación de Pontevedra foi a única candidatura presentada en tempo e forma antes de finalizar o prazo establecido, polo que será reelixido como máximo representante do fútbol autonómico.
Louzán acompañou a súa candidatura con máis de 130 avais dos 150 asembleístas con dereito a voto, o que supón o 87% de apoio e un notable incremento con respecto ás eleccións de hai catro anos, cando se impuxo con 79 votos.
Este respaldo masivo evitou finalmente que se formalizasen candidaturas alternativas dos seus teóricos rivais, Gustavo Falque e José García Liñares.
Agora ábrese un prazo para a presentación de reclamacións e recursos e o 30 de novembro será cando sexa proclamado definitivamente como único candidato, quedando a proclamación como presidente para a Asemblea Xeral que inicialmente está fixada para o día 10 de decembro.