Louzán encamiña a súa reelección como presidente da Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
Salvo sorpresa maiúscula, Rafael Louzán seguirá sendo presidente da Real Federación Galega de Fútbol durante catro anos máis.
Así se desprende do resultado nas votacións de elección de asembleístas da institución, na que arrasaron os clubs que avalan a candidatura do que fóra presidente da Deputación de Pontevedra.
Así, os clubs que apoian a Louzán fixeron pleno nas delegacións de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago, e rozárono na Coruña (20 de 21), ao que hai que sumar o pleno tamén nos clubs de fútbol sala.
Os 16 clubs escollidos na delegación de Pontevedra son: Céltiga, Alondras, Xuventú Sanxenxo, Salgueiriños, Arosa, EFB Moañesa, Juventud Cambados, Marcón Atlético, Moraña, AJ Lérez, Atlético Cuntis, Ribadumia, Portonovo, Unión Dena, Arcadia e Umia.
A estes resultados hai que sumarlles os representantes de árbitros, fútbol gaélico, deportistas de alto nivel e os futbolistas de Lugo e Pontevedra, todos eles na lista de Louzán e xa elixidos sen votación ao non presentarse máis candidatos á asemblea.
Sumando todos os datos son máis de 120 asembleístas asegurados pola candidatura de Rafael Louzán cunha proxección que sitúan "entre os 130 e 140", sinalan, cando nas últimas eleccións conseguira a presidencia con 79 votos (a maioría está en 76).
Tras este trámite o próximo 9 de novembro abrirá o prazo oficial de presentación de candidaturas á presidencia da Real Federación Galega de Fútbol. Louzán será seguro un dos candidatos, á espera de coñecer se os seus teóricos rivais, Gustavo Falque e José García Liñares, cumprimentan os requisitos e dan un paso á fronte. De ser así as eleccións celebraríanse o día 10 de decembro.
Relacionadas:
-
Directiva continuista para o segundo mandato de Rafael Louzán á fronte da Futgal
Por Redacción |
-
Louzán inicia o seu segundo mandato á fronte da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
Louzán, único candidato a presidir a Real Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
A Federación Galega de Fútbol estrea a súa nova sede pontevedresa
Por Redacción & Diego Torrado |