O boxeo marinense mostra a súa boa saúde
Por Redacción
A do pasado sábado foi unha xornada especial para o boxeo de Marín, que demostrou o seu bo estado de saúde no pavillón da Cañota.
Alí reuníronse máis de 100 deportistas para participar en horario matinal no campionato de formas de boxeo para as categorías infantil, veteranos e persoas con diversidade funcional.
Todos eles puideron gozar tras a competición dunha instructiva charla de parte dunha das mellores boxeadoras do panorama nacional e internacional, Miriam Gutiérrez 'La Reina'. A actual número 7 do ranking profesional da Asociación Mundial de Boxeo e 5 veces campioa de España amateur compartiu experiencias coas novas e non tan novas promesas, motivándoos e transmitindo os valores que lle fixeron chegar alto e converterse en referencia.
Xunto a Miriam estaba tamén o campión local, Aarón González.
A xornada concluíu cunha clase maxistral pola tarde da propia Miriam Gutiérrez nas instalacións da Cañota.