Once nenos do Team Thunder Marín estarán no Nacional de formas de boxeo olímpico
Por Redacción
Santander acollerá esta fin de semana os campionatos de España de formas de boxeo olímpico en idade escolar. Ata a cidade cántabra desprazaranse un bo número de competidores do Team Thunder Marín.
Un total de once nenos de entre 7 e 14 anos soñarán esta fin de semana con ser os reis do panorama nacional nas probas de sombra, corda, saco ou manopla.
Todos eles viaxan coa ilusión de ratificar con éxitos deportivos o traballo que levan facendo durante os últimos anos e máis concretamente nos últimos meses, onde xa cultivaron triunfos no último circuíto de formas ou no campionato galego.
Lucas Hermida, Alex Milla, Iker Barcia, Eusebio Moreira, Xoan Villanueva, Marcos Recamán, Fran Correa, Pablo Lubian, David González, Martín Grandio e Eloy Barcia serán os "Thunderkids" que tentarán traer un bo botín para Marín.
Os técnicos que acompañan a expedición serán Mario Peteiro e Aarón González.