Unha travesía a nado no Grove, segunda parada do 'DepoDesafío'
Por Redacción
Tras a súa estrea cunha carreira entre Tomiño e A Guarda, o programa 'DepoDesafío' aterra o vindeiro domingo 12 de agosto no Grove.
Unha travesía a nado será a segunda cita do desafío, nunha proba que se celebrará a partir das 17:30 horas da tarde fronte aos paseos marítimos do Grove e A Toxa.
Serán 1.200 metros de percorrido polo medio da ría, con poucas ondas pero coa complexidade que achegan as correntes e as mareas.
Tanto para esta proba como para as tres seguintes o prazo de inscrición continúa aberto. Ademais, ata o venres 10 de agosto poderase formular a inscrición conxunta. As inscricións para todas as probas deste programa da institución provincial poderán realizarse a través de https://www.depo.gal/depodesafio/probas.
Para competir pola clasificación xeral do DepoDesafío 2018 é necesario finalizar catro das cinco probas que conforman o programa. A muller e o home que consigan o maior número de puntos recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, ademais de voo e aloxamento.