Bota a andar o novo proxecto do Teucro coa permanencia como gran obxectivo
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Seis semanas ten por diante a Sociedad Deportiva Teucro para coller o ton e chegar nas mellores condicións posibles ao comezo da Liga Asobal.
O novo proxecto do club botou a andar oficialmente este luns 30 de xullo no Pavillón Municipal dos Deportes co inicio dos adestramentos e "con mucha ilusión", asegurou o adestrador azul Luís Montes.
"Estoy muy contento con la plantilla que hemos creado, pienso que con los recursos que tenemos es una gran plantilla", defende o técnico pontevedrés, aínda que recoñecendo que se trata dun equipo curto, con só 13 xogadores con ficha en Liga Asobal, pero que se irá completando coa achega de mozos do filial.
Comezaron a pretempada co primeiro equipo seis deles, nunha sesión na que o único ausente era Domingo Luís ao atoparse concentrado co equipo nacional xuvenil para participar no Campionato de Europa da categoría.
Foi tamén a primeira ocasión de ver xuntas ás fichaxes do equipo, encabezados por Davor Cutura na súa volta ao Teucro xunto a Fischer, Natan Suárez e Cangiani.
Os 13 xogadores do primeiro plantel do Teucro 2018/2019 son: Santana e Lloria en portería; Dani Hernández, Moyano, Rial, Cutura, Fischer e Natan Suárez na primeira liña; Iván Fernández, Gehrhardt e Cangiani nos extremos e os pivotes Juan Quintas e Samu Gómez.
Ademais compareceron no Municipal o xogadores do filial Ángel Noya, Diego Prada, Alberto Garrido, Cristian Remeseiro, Sergio Pérez e Samuel Pereiro.
Por diante semanas de traballo a ritmo de dobre sesión baixo a supervisión de Toño Puga, na súa volta ao club como responsable da preparación física. De feito na primeira semana de actividade só o xoves e o sábado o equipo contará cun adestramento.
PARTIDOS DE PRETEMPADA
Cinco encontros amigables confirmou polo momento a Sociedad Deportiva Teucro, ao que se suma a súa participación na Copa Galicia a partir dos cuartos de final. O primeiro deles disputarase o venres 10 de agosto ante o Atlético Novás no Porriño, despois chegarán dúas citas na casa ante rivais habituais nestas datas como o Ismai (martes 14 de agosto) e o ABC Braga (sábado 18 de agosto) portugueses, para despois devolver visita ao ABC (21 de agosto) e viaxar a León (sábado 25) no a priori enfrontamento máis complicado dos previstos, na presentación do Ademar.
Relacionadas:
-
Segunda vitoria na pretempada do Teucro, esta vez ante o Ismai portugués
Por Redacción |
-
O Teucro estrea pretempada gañando ante o Novás
Por Redacción |
-
O Teucro cambia o pavillón pola area da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Primeira subida de prezos nos carnés do Teucro nos últimos nove anos
Por Diego Espiño |
-
O Teucro completa plantel renovando a Iván Fernández antes de volver aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
O Teucro debutará en liga no Municipal ante un rival directo pola permanencia, o Sinfín
Por Redacción |
-
Savia nova para o Teucro coa renovación de Samuel Pereiro e a fichaxe de Diego Prada
Por Redacción |