O Pontevedra mantén prezos dos abonos e pecha o calendario de pretemporada
Por Ramiro Espiño
Foron os "convidados sorpresa" da festa de presentación do Pontevedra CF celebrada este mércores. "Coáronse" sen facer ruído, a través dun folleto que o club entregaba aos afeccionados asistentes ao evento na porta de acceso á bancada de Tribuna do Estadio de Pasarón. No devandito folleto aparecían os prezos dos abonos, que se manteñen inalterables con respecto ao ano pasado, e os 10 partidos que os de Luismi afrontarán como preparación na pretemporada.
Baixo o título de "Sentimento Granate" a campaña de abonados calca os prezos das dúas campañas anteriores.
Desta forma o custo para a categoría senior será de 220 euros na bancada de Tribuna, 150 en Preferencia, 90 en Fondo Norte, 80 euros en Fondo Sur e 600 no palco de autoridades.
Os xubilados deberán desembolsar 125 euros (Tribuna), 100 (Preferencia), 70 (Norte) e 60 euros (Sur), os bonificados (estudantes, desempregados e persoas con discapacidade) abonarán 110, 75, 70 e 60 euros respectivamente, mentres as peñas só poderán acceder aos fondos a un prezo reducido de 70 euros.
Pola súa banda o carné xuvenil fixouse en 60, 55 e 50 euros para Tribuna, Preferencia e fondos respectivamente, o infantil en 40, 35 e 30 euros e o baby en 10 euros.
Os socios "GranaTú" da pasada tempada, terán un desconto especial, que non se precisa na información facilitada polo club.
A única diferenza con relación ao ano anterior, está en que o abono non inclúe os partidos amigables nin os de Copa Federación, para os que as persoas interesadas deben desembolsar un suplemento de 10 euros.
A retirada dos abonos poderase realizar a partir do luns 23 de xullo, nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
En canto á pretemporada, os de Luismi teñen previsto disputar 10 partidos, comezando o sábado, 21 de xullo, en Avilés, fronte ao Real Sporting de Gijón (12:00 horas). Logo visitará Pasarón o CD Lugo (mércores 25 de xullo, ás 20:00 horas). Despois será a quenda do triangular do Carneiro ao Espeto, en Moraña, fronte a Rápido de Bouzas e Celta B (sábado 28 de xullo, 20:00 horas).
Xa no mes de agosto, os granates xogarán todos os partidos lonxe de Pasarón, comezando en Padrón para enfrontarse ao Compostela (sábado 4 de agosto, 19:00 horas), O Carballiño para xogar ante o Arenteiro (mércores 8 de agosto, 20:30 horas), Xuvenil de Ponteareas (sábado 11 de agosto, 20:30 horas), Betanzos no seu campo (xoves 16 de agosto, 19:30 horas), Racing de Ferrol na Malata (sábado 18 de agosto, hora sen confirmar) e pechar no Morrazo, contra o Alondras (mércores 22 de agosto, tamén pendente de confirmar hora).
LEZCANO AO ALONDRAS
Precisamente o último rival da pretemporada granate, o Alondras, foi o destino escollido polo canteirán granate, Fernando Lezcano, para continuar a súa andaina deportiva. O xoven dianteiro, de 19 anos, incorpórase así ao equipo de Antonio Fernández, ao non entrar nos plans do Pontevedra, que lle concedeu a baixa federativa a pesar de ser o máximo goleador do equipo nas categorías de base nos últimos anos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra abre a campaña de socios co prezo dos abonos conxelados
Por Manu Otero |
-
Diego Cervero, no punto de mira para reforzar a dianteira
Por Diego Espiño |
-
Boa imaxe do Pontevedra en Avilés fronte o Real Sporting, no primeiro test de pretemporada (1-1)
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra apura a súa preparación ante o primeiro e "esixente" test de pretempada
Por Diego Espiño |
-
A Xunqueira contempla as primeiras suores granates
Por Ramiro Espiño |
-
Brillante posta en escena do Pontevedra 2018/2019 con oito caras novas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra, nun grupo de Segunda B con Galicia, Castela e León, Madrid e Canarias
Por Alejandro Espiño |
-
Goldar ficha polo Cornellá e tampouco estará nunha presentación granate que anuncia sorpresas
Por Ramiro Espiño |