Boa imaxe do Pontevedra en Avilés fronte o Real Sporting, no primeiro test de pretemporada (1-1)
Por Ramiro Espiño
Fronte a un dos aspirantes ao ascenso a Primeira División, no primeiro test da pretemporada, o Pontevedra deu unha boa imaxe, empatando co Real Sporting de Gijón, no Román Suárez Puerta, de Avilés, no día en que o club asturiano celebraba o encontro das súas peñas de afeccionados. Campillo foi o autor do primeiro tanto granate da pretemporada, que adiantaba aos de Luismi, encaixando o empate a falta de só catro minutos para o final.
Aínda que dificilmente débase ou se poida sacar conclusións dun partido de pretemporada, e menos cando se trata dun primeiro amigable, aínda con poucas sesións de adestramento nas pernas, o certo é que os granates transmitiron boas sensacións, conseguindo que o Sporting non fose capaz de impoñer o seu ritmo nin aproveitar a superioridade técnica que se lle supón.
O técnico pontevedrés, do mesmo xeito que fixo o seu colega asturiano, utilizou a dous equipos diferentes en cada tempo (só Álex Fernández seguiu uns minutos do segundo tempo, para logo deixar o seu posto a Jesús, que tamén xogara na primeira metade), polo que repartiu minutos entre todos os homes que están a realizar a pretemporada, coa excepción de Romay, Pedro Vázquez e o canteirán Antón, que faltaron a esta primeira cita con distintas molestias físicas, habituais nos primeiros días de traballo.
O primeiro tempo foi de maior dominio xixonés, aínda que o Pontevedra defendeuse ben e non renunciou a buscar o contragolpe como arma para inquietar a meta rival. Non houbo goles ata o descanso, a pesar de que os dous tiveron ocasións, coa mellor oportunidade para os asturianos, nun disparo de Sousa desde a frontal, que desviou Edu a corner.
A segunda parte ofreceu a un Pontevedra máis atrevido, que tratou de ti a ti ao Sporting, o que trouxo como consecuencia maior igualdade na zona ancha, pero menos chegadas ás áreas.
Cando o partido entraba na súa recta final chegaron os goles. Adiantouse o Pontevedra ao rematar Campillo, case caéndose, un corner botado por Mouriño. O gol fixo reaccionar ao Sporting, que ferido no seu orgullo foise arriba e conseguiu empatar a catro minutos do final ao rematar Pablo Pérez, de cabeza, un gran centro de Nacho Méndez.
Desde aí ata o final foron os únicos momentos nos que o Pontevedra sufriu ante o empuxe asturiano, pero os granates aguantaron sen conceder opcións de crear perigo.
REAL SPORTING DE GIJÓN (1): Diego Mariño; Geraldes, Juan Rodríguez, Babin, Canella, André Sousa, Sergio Álvarez, Hernán Santana, Carmona, Gorka Santamaría e Isma Cerro (Mateusz). Na segunda parte xogaron: Diego Mariño; Molinero, Babin (Rachid), Barba, Espeso; Nacho Méndez, Cristian Salvador, Pedro Díaz; Traver, Pablo Fernández e Pablo Pérez.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Nacho López, Nacho Lorenzo, Pacheco, Álex Fernández, Jesús, Adrián León, Álex González, Berrocal, Javi Pazos e Iñaki. Na segunda parte xogaron: Rubén Ualoloca; Juan, David Castro, Campillo, Churre, Kevin, Álex Fernández (Jesús), Mouriño, Javi López, Pibe e Rivera.
Árbitro: Víctor Areces Franco, da Delegación de Avilés.
Goles: (0-1) Minuto 78: Campillo. (1-1) Minuto 86: Pablo Pérez.
Incidencias: Estadio Román Suárez Puerta (Avilés). Partido encadrado nos actos do II Encontro das Peñas Sportinguistas, que organizou a Federación de Peñas Sportinguistas. No descanso recibiron senllos ramos de flores as familias de Quini e Castro, e a continuación elevouse ao ceo un globo coas imaxes de ambos. O Pontevedra xogou co seu segundo equipamento, con camiseta azul e pantalóns e medias azuis. Algo máis de 2.000 espectadores.
DORSAIS FIXOS
O partido serviu tamén para despexar, a falta de confirmación oficial, que os xogadores do Pontevedra lucirán dorsais fixos nas súas camisetas na tempada. Así, pola relación de xogadores facilitada, e a falta de confirmar os números dos ausentes Romay, Pedro Vázquez e Antón, os afeccionados poden comezar a familiarizarse cos seguintes números para cada xogador: 1: Edu. 2: Juan. 3: David Castro. 4: Campillo. 5. Churre. 6: Kevin Presa. 7: Álex González. 8. Álex Fernández. 9: Javi Pazos. 10: Mouriño. 11: Javi López. 12: Sen confirmar. 13: Rubén. 14: Jesús. 15: Rivera. 16: Berrocal. 17: Pibe. 18: Sen confirmar. 19: Sen confirmar. 20: Adrián León. 21. Sen confirmar. 22: Sen confirmar. 23: Nacho Lorenzo. 24. Nacho López. 25: Sen confirmar. 27: Iñaki e 28: Pacheco.
Relacionadas:
-
O triangular do Carneiro ao Espeto, para o Pontevedra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A estrea do Pontevedra, fóra da casa ante Unionistas de Salamanca
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra volve dar a talla ante un Segunda División e empata ante o Lugo (1-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Diego Cervero, no punto de mira para reforzar a dianteira
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra apura a súa preparación ante o primeiro e "esixente" test de pretempada
Por Diego Espiño |
-
A Xunqueira contempla as primeiras suores granates
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra mantén prezos dos abonos e pecha o calendario de pretemporada
Por Ramiro Espiño |