Dobre cita nacional para o Waterpolo Pontevedra en Elxe e As Palmas
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra desdóbrase esta fin de semana para poder afrontar a súa participación no campionato de España infantil en Elxe e o campionato de España xuvenil de segunda categoría nas Palmas.
O equipo infantil mixto do Club Waterpolo Pontevedra partiu este mesmo mércores rumbo a Elxe. Un total de 24 equipos do territorio nacional disputarán este campionato, repartidos en 8 grupos de 3, estando o CW Pontevedra no grupo J co CN Caballa (Ceuta) e o CN Molíns (Cataluña).
Tras a fase de liguiña de grupos, os dous primeiros de cada un pasarán á disputa dos oitavos de final, mentres que os terceiros de grupo xogarán polos postos 17 ao 24.
O campionato comezará esta mañá e o CW Pontevedra debutará ás 17.30 horas fronte o Molíns.
O equipo pontevedrés clasificouse para este campionato como campión da liga galega infantil de waterpolo e espera facer un bo papel e sobre todo gozar e aprender coa experiencia.
David Estévez, Hugo Arceo, Raúl Martínez, Andrea Andión, Anxo Dacosta, Rocío Ferreira, Izaskun Tellería, Marcos Esgueva, Javi Cousido, Xoel Tubío, Iria Amoedo, Paula Millán e Pablo Vieitez serán os representantes do CW Pontevedra, xunto ao seu adestrador Kike García.
Mentres, o equipo xuvenil desprázase este xoves ás Palmas. Neste caso serán dez os equipos do territorio nacional os que disputen o campionato, onde o campión gañará a praza para xogar o campionato de España xuvenil de primeira categoría.
Os dez equipos repartiranse en dous grupos de 5, xogando unha fase de liguiña, onde os dous primeiros de grupo clasificaranse para as semifinais, os terceiros e cuartos para a semifinal polos postos 5 ao 8 e os quintos de grupo xogarán unha final polos postos 9-10.
O CW Pontevedra, que chega ao campionato clasificado tras gañar o campionato galego xuvenil, medirase no grupo 2 ao CN Metropole (As Palmas), CW Marbella, CW Murcia e Stadium Casablanca (Zaragoza).
Víctor Vidal, Ángel Castrillón, Diego Touriño, Sergio Martínez, Rodrigo García, Eric Tacón, Xandre Aboal, Aarón Tellería, Juanjo Roca, Germán Amoedo, Lucas Puy, Abel Dacosta e José Enrique Fernández serán os representantes do club xunto ao seu técnico Javi de Sáa.