Un Teucro enorme imponse con autoridade (35-30) ao Ciudad Encantada
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Enganoso resultado final, pero non porque sexa inxusta a vitoria do Teucro, se non un marcador que non reflicte a superioridade real que os de Quique Domínguez exhibiron sobre a pista. Ciudad Encantada conseguiu maquillar lixeiramente os números, aproveitando a lóxica relaxación do equipo azul, que chegou a ir por diante cunha máxima renda de dez goles.
Partido completo o que realizou un Teucro enorme en defensa, especialmente na primeira parte, e sólido e con recursos en ataque. Dominando o tempo de xogo e o marcador desde o asubío inicial, os teucristas tiveron momentos nos que bordaron un balonmán de altísimo nivel, facendo gozar á súa afección, que viviu a vitoria dos seus cunha tranquilidade que non se esperaba ante a entidade do equipo conquense.
Non trancurrira nin un cuarto de hora de partido cando o técnico visitante se vió obrigado a pedir o seu primeiro tempo morto. De pouco serviulle, o 9-5 que reflectía o marcador seguiu crecendo ata o 15-10. Se David Chapela era o director de orquestra, cun Carlos García infalible desde os sete metros, a entrada en pista de Erik Balenciaga volveu tola á defensa visitante. Nin sequera a exclusión case simultánea de Víctor Rodríguez e David Chapela foi suficiente para impedir que ao descanso o resultado reflectise unha aínda pequena pero cómoda vantaxe.
Pero se a primeira parte fora boa por parte azul, os comezos da segunda foron para enmarcar. Faltaba que á festa sumásese Ricardo Amérigo, que estivera ben na primeira parte, pero elevou o seu nivel de prestacións na segunda. A consecuencia foi que tras catro intervencións consecutivas do porteiro local, o Teucro disparouse ata os 10 goles de vantaxe.
Os visitantes arriscaron cunha dobre mixta, pero unicamente conseguiron achegarse a catro goles. Quique Domínguez, que aproveitara para dar minutos aos menos habituais, devolveu a pista a David Chapela, Edu Moledo, Carlos García e Víctor Rodríguez, e os conquenses viron como se lles esfumaba calquera ilusión de remontada fronte a un Teucro empeñado en demostrar que a liga Asobal non lle dá medo.
SD TEUCRO (35): Ricardo Amérigo; García Pichel (1), Víctor Rodríguez (3), Gonzalo Carró (2), Carlos García (9, 4 de penalti), José Manuel Rial (2), Edu Moledo (3) -sete inicial-, Andrés Delgado (p.s.); Arkaitz Piriz, Erik Balenciaga (5), David Chapela (6, 1 de penalti), Iván Fernández, Román Pedreira e Dani Hernández (4).
GLOBALCAJA CIUDAD ENCANTADA (30): Leonardo Vial; Pablo Vainstein (8, 2 de penalti), Thiago Alves (1), Rafael López (2), Sergio Vallés (1), Sergio López (1, de penalti), Víctor Frade (7) -sete inicial-, Samuel Ibáñez (p.s.), Fernández Galán (3), David Mendoza, Daniel Tolmos (6), Vladimir Zejak, Mateo Pérez e Miguel Ángel Martínez (1).
Árbitros: Sebastián Fernández Molina e Alberto Murillo Castro (Andalucía). Excluíron dous minutos a David Chapela, Víctor Rodríguez, José Manuel Rial, Carlos García e Gonzalo Carró (2), polo Teucro, e a David Mendoza (3, descualificado no minuto 40), Sergio López e Pablo Vainstein, polo Cidade Encantada.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-3, 9-6, 11-8, 14-9, 16-12 (descanso), 20-14, 24-16, 27-20, 30-22, 31-26 e 35-30 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro cae en Puente Genil loitando ata a final fronte ao Ángel Ximénez (32-28)
Por Redacción |
-
Con todo o plantel para buscar o primeiro triunfo lonxe do Municipal
Por Diego Espiño |
-
A importancia de empezar ben na Liga Asobal
Por Diego Espiño |
-
O Teucro afronta a visita do Ciudad Encantada "con ganas de desquitarnos de la última derrota"
Por Diego Espiño |
-
A falta de acerto en defensa cústalle ao Teucro a derrota fronte ao Go Fit en Santander (29-28)
Por Redacción |