A falta de acerto en defensa cústalle ao Teucro a derrota fronte ao Go Fit en Santander (29-28)
Por Redacción
Partido intenso e disputado ata o último suspiro. O Teucro caeu en Santander a consecuencia da súa frouxa actuación en defensa, moi por baixo do habitual, o que arrastrou á súa portería, que sufriu as consecuencias das facilidades que atoparon os lanzadores do Go Fit, ata o punto de que entre os dous porteiros azuis unicamente conseguiron catro paradas dos 33 lanzamentos realizados polo conxunto local.
Aínda así, o Teucro, que se pasou o partido facendo a goma no marcador, tivo a oportunidade de traerse polo menos un punto, pero a David Chapela escapóuselle o balón na última xogada de ataque do seu equipo, cun gol abaixo e case medio minuto por xogar.
Custoulle ao Teucro entrar no partido. O Go Fit levou sempre a iniciativa no marcador, aproveitando que os de Quique Domínguez tiñan problemas para axustar a súa defensa, o que facía que a achega de Andrés Delgado baixo paus fose case simbólica, cunha pobre estatística dun lanzamento detido dos 16 efectuados polo conxunto local, nos primeiros 30 minutos de xogo.
Como tampouco o ataque azul estaba demasiado fino, a consecuencia foi que a vantaxe do equipo que adestra Rodrigo Reñones creceu ata un precupante 11-7, aos 21 minutos de partido. Os goles de Erik Balenciaga e Edu Moledo puxeron fin á sangría e permitiron ao Teucro recortar ata a mínima desvantaxe con que se chegou ao descanso, dispoñendo mesmo dun balón en ataque para marcharse ao vestiario co marcador igualado, pero a defensa cántabra bloqueou o lanzamento de Rial.
Quique Domínguez deu entrada a Ricardo Amérigo ao comezo da segunda parte, pero o Teucro non comezou ben. Un xogo pasivo sinalado polos colexiados, un lanzamento ao poste e unha posterior falta en ataque, ambas as accións de Erik Balenciaga, aproveitounas o equipo local para volver escaparse de tres (17-14) en pouco máis de tres minutos.
Rapidamente reaccionou o cadro teucrista, que conseguiu empatar con goles de Dani Hernández, Balenciaga e Rial, obrigando ao técnico cántabro a parar o partido solicitando un tempo morto que lle dá un excelente resultado, xa que na continuación logra un parcial de 4-1 para recuperar a vantaxe de tres goles (21-18), facendo que fose Quique Domínguez quen tivese que solicitar tamén tempo morto para recompoñer aos seus homes, a falta de quince minutos.
Pero ao técnico pontevedrés non lle deu resultado. A defensa e portería teucrista seguía sen funcionar e o Go Fit recupera a máxima diferenza do partido (24-20) cando quedaban só dez minutos por xogar.
De novo Quique Domínguez pide tempo morto. Parecía pouco menos que imposible pensar en remontar o marcador, pero despois dun intercambiio de goles, o Teucro, que non arroxaba a toalla, logra un parcial de 0-3 para poñerse cun só tanto de desvantaxe (26-25) con seis minutos por diante.
Agora é o adestrador local quen volve a parar o partido e esta vez resulta definitivo. Alejandro Álvarez marca, mentres Dani Hernández comete falta na súa acción de ataque e Arkaitz Piriz ve como o seu lanzamento é detido por Ernesto Sánchez. Ferreiro Lon volvía marcar e o Go Fit íase ata o 29-26. Marcaron Gonzalo Carró e Balenciaga para poñerse de novo a un (29-28) no último minuto de partido.
Ao Go Fit podíanlle os nervios e Pablo Paredes perde un balón. Con 30 segundos por diante, David Chapela non puido aproveitar a xogada que significase o empate, nun partido pelexado ata o último instante.
GO FIT (29): Adam Savic; Alejandro Blázquez (1), Saúl Campo (2), Óscar Río (2, 1 de penalti), Ramiro Merino (1), Calderón (2), Herreo Lon (8) -sete inicial-, Ernesto Sánchez (p.s.), Diego Muñiz, David Merino, Xosé Canedo, Alberto Pla, Cristian Postigo (3), Alejandro Álvarez (2), Pablo Paredes (7) e Íñigo Jorajuría (1).
SD TEUCRO (28): Andrés Delgado; Erik Balenciaga (6, 1 de penalti), Víctor Rodríguez, Gonzalo Carró (6, 2 de penalti), Román Pedreira, José Manuel Rial (4), Edu Moledo (3, 1 de penalti) -sete inicial-, Ricardo Amérigo (p.s.), Arkaitz Piriz (1), García Pichel (2), David Chapela (2), Iván Fernández, Carlos García (2, 1 de penalti) e Dani Hernández (2, 1 de penalti).
Árbitros: Alberto Hermoso del Amo e David Monjo Ortega (Madrid). Excluíron dous minutos a Diego Muñiz, David Merino, Saúl Campo, Pablo Paredes, Óscar Río (2) e Calderón, polos locais, e a Erik Balenciaga, Carlos García, José Manuel Rial (2) e Dani Hernández, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 2-0, 4-3, 6-5, 9-7, 13-10, 15-14 (descanso), 17-14, 17-17, 21-18, 24-20, 27-25 e 29-28 (final)
Incidencias: Pavillón da Albericia (Santander). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Un Teucro enorme imponse con autoridade (35-30) ao Ciudad Encantada
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro afronta a visita do Ciudad Encantada "con ganas de desquitarnos de la última derrota"
Por Diego Espiño |
-
Duelo ante un rival directo pola permanencia na primeira saída da tempada para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro, un equipo de videoxogo
Por Diego Espiño |
-
David Chapela conduce o Teucro á vitoria (29-26) sobre o Guadalajara no retorno a Asobal
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |