Conseguir un patrocinador principal, prioridade de Carlos García Alén para a SD Teucro
Por Alejandro Espiño
Era unha mera formalidade, pero había que cumprila. Carlos García Alén presentou este martes os avais que lle permitiron converterse no único candidato a presidir a Sociedad Deportiva Teucro durante os próximos catro anos. Ás sete e media da tarde entregaba na sede do club as firmas dos socios que decidiron apostar de novo por el para dirixir unha entidade que, segundo el mesmo recoñece, ten un gran futuro por diante.
Carlos García Alén, que ao non haber máis candidatos será nomeado presidente do club o próximo día 23 de decembro, optaba á reelección despois de que el e a súa directiva conseguisen os logros que se marcaron cando se fixeron coas rendas do club.
A débeda reduciuse a menos da terceira parte en apenas dous anos, o primeiro equipo consolidouse na División de Prata, conseguiuse aumentar a base, unha das grandes bazas desta SD Teucro -pasando de oito a once equipos-, incorporando ademais o tan ansiado equipo sénior feminino, e logrouse aumentar a base social do club, que se prevé supere os 1.000 socios antes de que finalice a tempada.
Despois de salvar o club dunha desaparición á que parecía abocada a entidade, Carlos García Alén asegura que a SD Teucro alcanzou unha ansiada estabilidade en materia económica. Iso si, en certas épocas do ano hai algúns problemas de liquidez. Por iso, un dos seus principais obxectivos para este novo mandato é a busca dun ou varios patrocinadores principais que dean unha maior tranquilidade ao equipo.
Outro dos grandes fitos do próximo ano será a celebración do 70 aniversario da fundación do club, para o cal se está a traballar nunha intensa programación de actos sociais e deportivos.
Aínda que dende a SD Teucro non queren aínda oír falar desa posibilidade, o certo é que todos desexan que a guinda a ese aniversario sexa o regreso do equipo á Liga Asobal, un ascenso que, García Alén recoñece, serviría para mellorar as perspectivas económicas e deportivas dun club que quere volver relacionarse coa elite do balonmán español.
Relacionadas:
-
Directiva renovada para afrontar os novos retos na SD Teucro
Por Diego Espiño |
-
Barcelona B, último escollo do ano para un Teucro que busca a décimo terceira
Por Diego Espiño |
-
Carlos García Alén presenta os avais que o converten en candidato á presidencia do Teucro
Por Ramiro Espiño |
-
Carlos García Alén repasa os seus catro anos de mandato e as esperanzas de futuro
Por Ramiro Espiño |
-
Carlos García Alén: "Mi intención es buscar apoyos para la directiva del Teucro y presentarme a las elecciones"
Por Ramiro Espiño |