Gran oitavo posto para Támara Echegoyen no Mundial de Santander, tras ser quinta na última regata
Por Redacción
Brillante final de Mundial para Támara Echegoyen e a súa compañeira Berta Betanzos. As regatistas do equipo Movistar lograron unha fantástica quinta posición na Medal Race da clase 49er FX e remataron a cita internacional na oitava posición.
Ademais de conseguir a praza olímpica para España, o tándem galego-cántabro pecha a tempada de regatas con grandes sensacións para o futuro.
Támara e Berta selaron unha grande actuación en augas cántabras, acumulando na súa conta unha vitoria e outros dous podios parciais que lles permitía estar entre os postos de cabeza dende a primeira xornada. E esta regata final, a pesar do vento frouxo que sopraba na baía de Santander, deron o cen por cento para finalizar o Mundial do mellor xeito posible.
"Foi unha Medal Race moi complicada con condicións de vento moi frouxo", explicaba Támara Echegoyen ao remate da proba. "Tiñamos opcións de subir algún posto, pero tamén tiñamos bastante que perder. Non obstante soubemos xestionar ben a presión do vento durante a manga e ao final fomos quintas".
Por diante, o ouro foi parar ás mans das brasileiras Martine Soffiatti Grael e Kahena Kunze, aos que lle seguiron as danesas Ida Marie Baad Nielsen na segunda posición e, no terceiro posto, as italianas Giulia Conti e Francesa Clapcich.
"O obxectivo está cumprido. Logramos a praza de país para os Xogos e ademais, co oitavo posto, logramos tamén cumprir o obxectivo fixado para obter a bolsa ADO, polo que estamos moi contentas e satisfeitas por todo iso e polo bo resultado final. Sabemos que con traballo e sacrificio podemos chegar a onde queiramos e agora só queda continuar evolucionando e mellorando para a tempada que vén", afirmou a pontevedresa.
Agora, tomaranse un merecido descanso antes de comezar coa preparación para a próxima tempada, na que toda apunta que Támara e Berta continuarán obtendo bos resultados. "A verdade é que temos ganas de tomarnos un descanso, a tempada que vén será dura e queremos estar ao cen por cen", destacou unha Támara Echegoyen, que volverá á casa nos próximos días.
Relacionadas:
-
Bo inicio de Echegoyen e os irmáns Paz na final da Copa do Mundo de Vela
Por Redacción |
-
Echegoyen e Betanzos, na pelexa polo triunfo no Intergaláctico de Brasil
Por Redacción |
-
Sétimo posto para Támara Echegoyen e Berta Betanzos no Campionato Sudamericano
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen cóase na Medal Race do Mundial e logra praza olímpica para o 49er Fx español
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, a un paso do podio tras a súa segunda xornada no Mundial de Santander
Por Redacción |
-
Gran estrea de Támara Echegoyen e Berta Betanzos no Mundial: quintas tralo seu primeiro podio parcial
Por Redacción |