ÿscar Graña e Ramón Ferro triunfan na casa: ouro en C-2 na Copa de España de piragüismo maratón
Por Redacción
ÿscar Graña e Ramón Ferro cumpriron cos prognósticos. Eran os favoritos para o triunfo na proba de C-2 da Copa de España de Maratón que se disputaba no río Lérez. E como era de esperar exerceron a súa autoridade para levarse unha cómoda vitoria. Máis traballados foron os outros dous triunfos pontevedreses o de Antonio Palmás e Brais Sánchez en K-2 e o de Daniel Durán e Sergio Vallejo en C-2 júnior.
Correr na casa era unha motivación extra para ÿscar Graña e Ramón Ferro. Fronte a eles estaban Ramón López e Jesús Montoto (Ciudad de Pontevedra), pero exerceron o seu dominio dende a primeira pada. Sen cometer erros e a un ritmo moi alto, os padexeiros do Kayak Tudense non deron opcións aos seus adversarios. Investiron menos de dúas horas en realizar os 30 quilometros do percorrido e demostraron unha grande habilidade tamén nos porteos.
A proba de K-1 resultou emocionante ata a última volta. Pero Antonio Palmás e Brais Sánchez (Vilaboa) foron os gañadores por diante dos irmáns Andrés e Carlos del Teso (Durios Puebla de Sanabria). A loita entre as dúas embarcacións foi espectacular. Os de Vilaboa levaron sempre a iniciativa, pero os seus rivais nunca se renderon. A diferenza na liña de chegada entre ambos os dous barcos foi de 21 segundos.
Na carreira de C-2 júnior tamén se rexistrou outro triunfo galego. Daniel Durán e Sergio Vallejo (Club Piragüismo Poio) confirmaron o seu papel de favoritos e levaron a medalla de ouro. Ao podio subiuse tamén outra parella galega, Adrián Castiñeiras e Fabián Domínguez (Náutico de Pontecesures).
E por último, na categoría feminina de K-2, Araceli Menduiña e Jessica Molero ocuparon unha meritoria segunda posición. Carmela Menduiña e Antía Martínez foron cuartas. Todas elas pertencen ao Ría de Aldán.
En total, Galicia conquistou sete medallas na modalidade de barcos dobres. Na clasificación final por clubs, As Torres Romería Vikinga foi terceiro, seguido polo Ciudad de Pontevedra no cuarto posto e o Ría de Aldán no quinto. O Pontecesures foi sétimo.
Na Copa de España participaron 61 clubs, dos que 25 foron galegos, e reuniu máis de cincocentos padexeiros. O escenario das regatas, entre a ponte de San Benito e a ponte de Santiago con porteos na Illa das Esculturas, será moi parecido ao que se utilizará no Campionato de Europa que se disputará en 2016.