Pontevedra e Somozas co liderado en xogo e ambiente dos grandes momentos
Por Ramiro Espiño
Valen todos os nomes e tópicos ao uso. O único certo é que o partido entre Pontevedra e Somozas (domingo, ás 18:00 horas), é sen dúbida o máis importante dos disputados ata a data polo Pontevedra nas tres últimas tempadas. O liderado está en xogo. Pero non só o primeiro posto, senón mesmo boa parte das posibilidades de alcanzar o play-off, xa que un tropezo pode provocar que se os rivais vencen nos seus compromisos os granates queden fóra dos catro primeiros, a falta da última xornada.
De aí a transcendencia dos puntos en disputa. ÿ unha especie de todo ou nada. Separados por tres puntos, o Somozas defende en liderado, pero podería permitirse mesmo unha derrota por un só gol, xa que se impuxo en Pardiñas na primeira volta (2-1), para manter a primeira posición. Os de Manu Fernández necesitan custe o que custe os tres puntos, e se pode ser por dous ou máis goles de vantaxe mellor.
Os homes de Míchel Alonso son posiblemente o rival máis incómodo da categoría cando xogan como visitantes. Os seus números na presente tempada aválanos: 11 vitorias a domicilio, por 4 empates e unicamente 3 derrotas.
Para dirixir a contenda foi designado o colexiado coruñés Sergio Espasandín Cores, un árbitro de non demasiado grato recordo para o Pontevedra, xa que lle correspondeu dirixir en Pasarón outro partido rodeado de grande expectación, o Pontevedra-Compostela da pasada tempada, no que se conmemoraba o 50 aniversario do ascenso a Primeira, e que finalizou con empate a cero, despois de deixar sen sanción dous claros penaltis cometidos polo conxunto compostelán. Pero non é o único precedente do colexiado coruñés que dirixiu tamén o partido inaugural da actual tempada fronte ao Choco, de novo con empate a cero, no que igualmente deixou sen sanción outra máxima pena favorable aos granates, por unha man clara dun defensor redondelano.
Pasarón está preparado para vestir as súas mellores galas. Espérase a mellor entrada da tempada, cunha afección entregada, como xa o estivo a pasada xornada en Boiro. Uns afeccionados que están convocados para que entren media hora antes de comezar o partido á bancada, coa finalidade de que o equipo sinta o seu ánimo xa dende o momento en que os xogadores inicien o quentamento.
As Peñas celebran unha festa popular dende as 12:00 da mañá na explanada de Tribuna
Moi pronto se empezará a xogar ao partido. Polo menos por parte da afección granate, que quentará motores xa pola mañá na explanada que se encontra diante da bancada de Tribuna.
Alí as peñas granates organizarán unha festa popular "con polbo, empanada e música" dende as 12:00 da mañá ata a hora do partido, na que ademais se poderán adquirir camisetas e artigos do club cun desconto do 50 e 60% do seu prezo.
Recordemos que o consello de administración, ademais de reducir o prezo das entradas, que custarán 10, 8 e 5 euros para o público xeral e 4, 3 e 2 para os júniors, adoptou a medida de permitir que con motivo do Día da Nai cada abonado do club poida levar de forma gratuíta ao partido a unha muller que o acompañe.
Medidas todas elas encamiñadas a intentar lograr que as bancadas vivan o ambiente dos grandes momentos, en busca de conseguir a clasificación para o play-off, e se ademais pode ser como campión, impoñéndose por dous ou máis goles de diferenza, para incrementar as posibilidades de alcanzar o ansiado ascenso.
Os granates adestraron por última vez na tarde do venres e fixérono de novo no mesmo Pasarón, noutra longa sesión de traballo. Con Pedro Crespo recuperado das súas molestias, o equipo buscou afinar a puntaría con traballo específico para os dianteiros.
Finalizado o traballo, os xogadores e corpo técnico recibiron a visita do presidente do consello de administración, José Manuel Fernández, que sobre o mesmo cesped quixo agradecerlles o esforzo realizado ata agora e animalos para os dous últimos e decisivos partidos que restan en busca de alcanzar o obxectivo desexado.
Manu Fernández, que despois dos constantes problemas que tivo por baixas durante toda a tempada, por segunda semana consecutiva conta con todos os seus homes en disposición de ser aliñados, optou pola continuidade na convocatoria, na que unicamente introduce un cambio con relación aos xogadores que se desprazaron a semana pasada a Boiro, ao dar entrada a Javi Otero, en lugar de Yago Vázquez, que queda na bancada.
Deste modo, os 16 xogadores convocados son: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Pablo, Miguel, David García, Pedro Crespo, Pablo Lede, Fran Fandiño, Tubo, Tomás, David Pérez, Javi Otero, Pablo Carnero e Kevin Levis.
Por decisión técnica quedan fóra: Caco, Yago Vázquez, Moreira, Kevin Presa, Benja e Luismi.
Relacionadas:
-
¡¡¡LÍDERES!!! Vitoria do Pontevedra (2-0) ante o Somozas nun Pasarón das grandes tardes
Por Ramiro Espiño |
-
Edu Sousa: "Estamos moi confiados e moi motivados de cara ao domingo"
Por Ramiro Espiño |
-
Pedro Crespo, única preocupación de Manu Fernández para a "final" do domingo
Por Ramiro Espiño |
-
Festa popular para encher Pasarón
Por Diego Espiño |