Edu Sousa: "Estamos moi confiados e moi motivados de cara ao domingo"
Por Ramiro Espiño
Arrancou a tempada coa vitola de segundo porteiro, por detrás de Paco. Non obstante pronto chegou a súa oportunidade e aproveitouna. Edu Sousa, xornada a xornada, afianzouse na portaría do Pontevedra ata o punto de converterse, a falta de dúas xornadas para o final da liga, en menos goleado do grupo galego e un dos menos goleados de toda a Terceira División.
Traballa duro, como todos os seus compañeiros, para que o partido do domingo, fronte ao Somozas, sexa unha data a recordar pola afección granate. Para el e para a maioría dos seus compañeiros, posiblemente sexa non só o partido máis importante do ano, senón posiblemente dos máis importantes da súa aínda curta traxectoria deportiva.
Como todos os seus compañeiros, espera e confía en contar co respaldo da bancada de Pasarón. En Boiro moitos deles viviron por primeira vez as sensacións de ter detrás, arroupándoos, unha afección numerosa, fiel e entregada como poucas.
Finalizado o adestramento do xoves, PontevedraViva quixo coñecer as impresións dun porteiro que foi crecendo a medida que avanzaba a tempada:
- Cando chegan partidos así sempre dise que é o partido do ano, pero neste caso é verdade porque pode ser un todo ou nada para vós.
- Si. Deuse a casualidade de chegar a este partido con esa opción de se gañamos por dous de diferenza ser primeiros e se non pois esperar outros resultados para ver se non saímos da zona de play-off. Por iso hai que tomalo así, como un partido a todo ou nada, polo que imos afrontalo a ver se o sacamos adiante, que é para o que adestramos.
- E cando se di de gañar por dous de diferenza, case é obrigado mirar aos dianteiros, pero ás veces esquecémonos dos porteiros, sen pensar que o cero na portaría é o primeiro paso cara ao resultado desexado.
- O importante é todo o equipo, non só o dianteiro ou o porteiro. Creo que o domingo será un partido de equipo, no que se todos estamos ben e remamos cara ao mesmo lado, se pode conseguir.
- Somozas. Preocupa esa xeira de resultados que leva sobre todo fóra do seu campo?
- Os números do Somozas están aí. Non fai falta que diga nada. ÿ un equipo co que hai que ter coidado, hai que estar alerta, pero nós somos o Pontevedra e temos que ser conscientes diso tamén.
"En Boiro o respaldo da nosa afección foi impresionante. Esperamos que o domingo Pasarón estea máis aínda connosco"
- Estando na portaría séntese moito máis quizais o respaldo da bancada, por proximidade. O outro día en Boiro foi sensacional, e espérase que este domingo sexa maior non?
- En Boiro o respaldo da nosa afección foi impresionante e iso para un xogador é un plus de motivación e confianza. Esperamos que o domingo Pasarón estea máis aínda que en Boiro connosco.
- Todo o equipo ben, e polo visto no adestramento sabendo que estades ante unha gran cita.
- Claro. O xogador de fútbol percibe esas cousas cando está preto un partido tan importante e quere meter un plus de intensidade, de motivación e ritmo aos adestramentos para que logo se reflicta no partido.
- Aí dentro, no vestiario hai confianza, hai optimismo?
- Estamos moi confiados e moi motivados de cara ao domingo. Sabemos o que queremos. Sabemos cal é o noso obxectivo e por el levamos pelexando toda a liga. Agora chega o momento indicado para demostrar á xente e a nós mesmos que estamos preparados. Hai confianza plena no equipo, cada un en si mesmo. Eu creo que son os ingredientes ideais para que o domingo sexa un bo día.