Pedro Crespo, única preocupación de Manu Fernández para a "final" do domingo
Por Ramiro Espiño
Intensidade. Concentración. Motivación. Puxéronse de manifesto na volta ao traballo do Pontevedra. O equipo, que gozou o descanso semanal o mércores, volveu aos adestramentos na mañá do xoves, en Pasarón, e o fixo cunha longa sesión de máis de dúas horas, nas que os xogadores granates deixaron claro que saben o moito que se xogan no partido do domingo, fronte ao Somozas, e que confían nas súas posibilidades para desbancar ao conxunto de Míchel Alonso do primeiro posto.
Exercicios físicos, con e sen balón. Carreiras. Combinacións nas que o balón era case sempre protagonista destacado. Un partidillo a metade de campo, de novo co denominador común de insistir no xogo combinativo, cambios de orientación, apoios en curto e moito traballo de axudas defensivas e presión cando o contrario recuperaba.
Manu Fernández apenas tivo que intervir nos descansos realizados para facer algún apuntamento. Mesmo observou dende o alto da bancada as evolucións dos seus xogadores durante o partidillo, para rematar felicitándoos polo traballo realizado.
Notábaselle contento ao técnico granate. O mesmo que aos seus xogadores, que se retiraron cansados polo esforzo e a calor que facía, pero con rostros de confianza. O venres máis.
Polo visto nesta ocasión, o técnico non deu moitas pistas sobre as súas intencións, aínda que nada estrañaría que, se non xorden problemas nos días que restan, opte por dar continuidade ao equipo que xogou en Boiro.
Con todos os efectivos dispoñibles, a única preocupación constitúea o estado de Pedro Crespo, que segue con molestias e adestrou a menor ritmo que os seus compañeiros, abandonando mesmo antes que os demais o partidillo. Non obstante o mesmo xogador manifestaba encontrarse ben, sendo optimista para chegar en plenitude á "final" do domingo.
CHAMAMENTO DA PENA FURYA GRANATE
Ao, segue crecendo o ambiente e a expectación de cara ao partido. Distintos colectivos, especialmente a Asociación de Penas do Pontevedra, están a preparar diversas actividades para conseguir que as bancadas de Pasarón rexistren a mellor entrada dos últimos anos.
Neste sentido, a pena Furya Granate, fixo público un comunicado, no que realiza un chamamento a todos os afeccionados e seguidores, e cuxo contido recollemos:
"Debido á extrema importancia do xogo deste domingo fronte ao Somozas, sen lugar a dúbidas o máis importante do último lustro, desde Furya Granate queremos facer o seguinte chamamento a toda a afección do Pontevedra CF:
Este domingo debemos ser todos o xogador número 12, nós tamén debemos xogar, somos parte fundamental deste partido a vida ou morte. Os nosos xogadores deixarán todo no campo para conseguir a vitoria, e nós debemos facer o propio desde a bancada. Só así a xesta será posíbel.
Precisamos que o Somozas sinta a presión desde o quecemento, que lles tremen as pernas en cada posesión, en cada pase, en cada xogada... á presión que exerzan os xogadores granates debemos engadir a nosa. Xogan en Pasarón, e iso ten que se converter nunha pesada lousa para eles.
Chamamento a afección para que entren media hora antes
Para que isto sexa posíbel, pedímosvos a todos os siareiros granates que entredes ao estadio ás 17:30 para facernos notar desde o quecemento. Pedímosvos que non vaiades a ver o partido sen máis, se non a formar parte de el. Pedímosvos que vos deixedes a gorxa animando aos nosos, a ocasión ben o merece. Pedímosvos un último esforzo.
Todos xuntos somos imparábeis. ESPÍRITO DO 84!".