A España de Tere Abelleira cae dolorosamente ante Brasil na semifinal olímpica
Por Anxo Lourido
Na noite deste martes 6 de agosto, a selección española feminina de fútbol sufriu unha dolorosa derrota ante Brasil por 4-2 na semifinal dos Xogos Olímpicos de París 2024, disputada no Estadio de Marsella.
A pesar do resultado, Tere Abelleira, a xogadora pontevedresa, destacou polo seu esforzo nun encontro marcado polos erros defensivos de España e a eficacia do equipo brasileiro.
O partido comezou de maneira desafortunada para España, cun autogol aos 6 minutos tras un mal despexe da porteira Cata Coll. A pesar deste contratempo,
Tere Abelleira mostrouse desde o inicio como unha das xogadoras máis sólidas dun equipo que estaba moi nervioso e desacertado mentres Alexia Putellas permanecía no banco.
España viuse presionada durante todo o encontro pola intensidade de Brasil, que aproveitou os erros na saída de balón do conxunto dirixido por Montse Tomé.
A pesar da desorganización xeral do equipo español, Abelleira mantivo a compostura, cortando balóns perigosos e evitando perdas que poderían aumentar aínda máis a vantaxe brasileira.
O primeiro tempo rematou con Brasil ampliando a súa vantaxe grazas a un gol de Portilho ao bordo do descanso, deixando a España cunha montaña por escalar na segunda metade.
No minuto 64, con España perdendo 2-0, Abelleira foi substituída por Patri Guijarro nun intento de Montse Tomé por cambiar a dinámica do equipo.
Seis minutos máis tarde, Brasil marcou o terceiro cun remate de cabeza de Adriana con asistencia de Gabi Portilho.
Aínda que España logrou recortar distancias cun gol de Salma Paralluelo no minuto 84, un novo erro defensivo permitiu a Kerolin marcar o cuarto gol para Brasil no minuto 91.
O encontro pechouse cun segundo gol de Paralluelo no tempo engadido, pero non foi suficiente para evitar unha dolorosa derrota.
Agora, España terá que repoñerse rapidamente para loitar pola medalla de bronce fronte a Alemaña o vindeiro venres 9 de agosto.
Brasil xogará a final contra Estados Unidos.
Relacionadas:
-
O bronce olímpico esquiva a Tere Abelleira
Por Diego Espiño |
-
Histórica remontada e triunfo nos penaltis da España de Tere Abelleira para meterse en semifinais dos Xogos
Por Almu Dapena |
-
A España de Tere Abelleira segue invicta en París 2024 despois de vencer a Brasil
Por Redacción |
-
Tere Abelleira estrea titularidade nos Xogos Olímpicos con triunfo ante Nixeria
Por Almu Dapena |
-
Tere Abelleira estréase con vitoria nos Xogos Olímpicos (2-1)
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra presume de olímpicos en París 2024: "Vai unha representación con moitísimas posibilidades"
Por Diego Espiño |