Moitas ocasións e poucos goles ante o Marino dun Pontevedra que xa é líder en solitario (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Pontevedra Club de Fútbol xa é líder en solitario do Grupo 1 de Segunda RFEF tras lograr tres puntos importantísimos en Pasarón diante dun Marino de Luanco moi defensivo que se salvou dunha goleada.
Os granates tiveron que remontar un gol en contra de Merayo na que foi a única chegada a área do equipo rival, Chiqui devolveu a igualdade e Charly, no desconto do primeiro tempo, asinou o seu oitavo gol consecutivo co que adiantou aos seus. Na segunda parte o Pontevedra non fixo máis que acosar a portería de fondo norte, pero perdoou e perdoou para conformarse cun escaso 2-1.
O duelo comezou co Marino completamente replegado en defensa, tentando ceder o mínimo espazo a un Pontevedra que circulaba dun lado a outro en busca da súa oportunidade.
E avisaron os granates aos cinco minutos de xogo cun balón de Yelko ás costas da defensa ao que por pouco non chegou Dalisson, que reclamou un posible penalti que o árbitro non viu punible. Cinco minutos despois, nun desaxuste do Pontevedra, os asturianos adiantáronse no marcador.
Saída á contra que Álex González despexou a saque de esquina, Nacho Matador púxoa no punto de penalti e Merayo, completamente só, cabeceou á rede para facer o 0-1.
Foi incapaz de reaccionar o equipo de Yago Iglesias, ao que nada lle saía a pesar de pisar área rival de forma continuada. Buscou a resposta Álex González cunha volea de primeiras que se foi un pouco alta, e despois Dalisson cun disparo frouxo entre os tres paus que atallou sen problemas Dennis.
A seguinte acción ofensiva dos granates non tardou en chegar e foi de novo por medio do capitán, que recibiu fose da área e disparou fortísimo, pero o gardameta visitante volveu intervir.
E é que o porteiro do Marino de Luanco estaba disposto a amargar a tarde a un Pontevedra que non saía de campo contrario e seguía asediando a área rival. Borja probou fortuna cun novo disparo afastado, Dennis despexou a saque de esquina e, nesa xogada, produciuse a oportunidade máis clara dos locais. Púxoa Yelko, e Churre, Dalisson e Borja buscaron o interior da rede, pero o gardameta realizou unha tripla parada para salvar os mobles ao seu equipo e manter a portería a cero.
Nada puido facer con todo cando se alcanzou o minuto 33 de xogo. Os locais armáronse de paciencia e realizaron unha larguísima combinación que acabou en banda dereita. Garay púxoa en liña de fondo a Dalisson, este enviou un pase da morte ao corazón da área pequena e entre os defensores apareceu Chiqui por sorpresa para restablecer a igualada.
Súa foi a seguinte oportunidade do partido. Borja disparou, un defensor desviou co corpo e o esférico caeu na banda de Chiqui, que xutou completamente só pero demasiado cruzado e o balón foise polo lateral da portería.
O Pontevedra non se estaba conformando co empate e continuou co seu intento de facerse co triunfo. Garay puido facer o segundo no minuto 41 cun fortísimo disparo á escuadra rival, pero Dennis realizou un auténtico paradón e evitouno.
Á seguinte foi a vencida. Alcanzouse o tempo de desconto e Bastos puxo un centro medido desde banda dereita. Charly apareceu entre os dous centrais, colleu as costas a Merayo e elevouse para cabecear á rede, anotar o seu oitavo gol consecutivo e adiantar ao seu equipo.
O guion non cambiou ao comezo do segundo tempo. Os granates xa tiñan o partido onde querían pero urxía marcar un terceiro gol que dese a tranquilidade. Envorcáronse ao completo en ataque e esperaban que o reloxo fose correndo aínda que sen conseguir a sentenza.
Moveu ficha entón Yago Iglesias, dando entrada a Guèye para imprimir velocidade en ataque e a Rufo para xerar máis remates dentro da área. Foi Chiqui con todo o que volveu protagonizar a xogada de maior perigo da segunda metade. Saque de banda de Dalisson a Chiqui, que combinou con Borja, este devolveulla case en liña de fondo e o 11 buscou un disparo tan medido que deu no traveseiro.
Esa fora a oportunidade máis clara de todas, pero é que o Pontevedra estaba completamente envorcado en ataque e gozaba dunha ocasión tras outra practicamente en cada minuto.
Achegábase o final sen que matasen o duelo os granates e Yago Iglesias volveu mover o banco cun dobre cambio, dando entrada a Samu Mayo e Zabaleta para asegurar a defensa e evitar posibles sustos que lles puidesen custar algún punto.
Entrou entón o partido no tempo de desconto, o Pontevedra volveu perdoar o imperdoable pero logrou impoñerse por un escaso 2-1 que, tras o empate do Ourense ante o Langreo, permítelle colocarse líder en solitario do seu grupo.
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Bastos, Churre, Mario Gómez, Álex González, Borja, Yelko, Chiqui (Zabaleta, min. 84), Dalisson (Rufo, min. 75), Garay (Guèye, min. 68) e Charly (Samu Mayo, min. 84).
MARINO DE LUANCO (1): Dennis, Mena, Traoré, Nacho Matador, Pinin, Guaya (Mateo, min. 88), Merayo, Abraham (Javi, min. 88), Jandro (Lucas, min. 63), Aitor Lorea e Hugo (Sandoval, min. 79).
Goles: 0-1, Merayo, min. 11. 1-1, Chiqui, min. 33. 2-1, Charly, min. 45+2.
Árbitros: Alfonso do Pozo Cavallé de Moya, auxiliado en bandas por Airam Martín Arzola e Jorge López Santos (Canarias). Amoestou a Nacho Matador (37') e a Mena (87').
Incidencias: Partido da xornada 28 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.731 espectadores.
Relacionadas:
-
Yago Iglesias, tras o empate en Aranda: "Cando tes os tres puntos e escapan doe"
Por Diego Espiño |
-
Un autogol no 88 priva do triunfo o Pontevedra en Aranda de Duero (1-1)
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias e o as baixo a manga para o final de liga: "Esperamos que a Marea Granate se mova connosco"
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa e o Pontevedra non se fían do pechacancelas Arandina: "Creo que é unha saída complicada"
Por Diego Espiño |
-
Aranda de Duero, a 'última' viaxe da tempada para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Clasificados xa matematicamente para o play-off... e para a Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "Xeramos ocasións pero non estivemos acertados"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra prepárase para recibir un Marino de Luanco "difícil de bater"
Por Diego Espiño |
-
Churre: "Se queremos quedar campións non pode escapar ningún punto de aquí"
Por Diego Espiño |
-
Marcos Barbeiro, baixa ante o Marino ao ser convocado pola selección de Santo Tomé e Príncipe
Por Diego Espiño |
-
Agarrados aos goles de Charly López
Por Diego Espiño |
-
Empate con sabor a derrota do Pontevedra ante o Rayo Cantabria (2-2)
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra, a por un dos ascensos máis caros desde que existe a Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
Mario Gómez: "Creo que Ourense e Zamora van deixar poucos puntos"
Por Diego Espiño |