Empate con sabor a derrota do Pontevedra ante o Rayo Cantabria (2-2)
Por Almu Dapena
O Pontevedra Club de Fútbol segue líder do seu grupo a pesar de ceder un empate ante o Rayo Cantabria. Charly abriu a lata na primeira chegada granate, ao fío do descanso Santamaría devolveu o empate, Dalisson fixo o 1-2 desde o punto de penalti, e xa no desconto, os visitantes sucumbiron ante o empuxe dun cadro santanderino que asinou as táboas de novo por medio de Santamaría.
O encontro comezou con problemas para os granates, que circulaban con lentitude e tenian problemas á hora saír co esférico xogado, mentres o Rayo Cantabria gozaba duns bos minutos nos que trataba de atopar ocos entre a zaga visitante.
Con todo, na primeira chegada dos de Yago Iglesias, chegou o gol. No minuto dez de xogo Chiqui cedeu a Yelko, que enviou ás costas dos centrais, Charly controlou dentro da área e cruzouna á saída de Germán.
A reacción do Rayo estivo a piques de producir efecto cun centro ao corazón da área que atallou Edu Sousa, pero ata aí foi todo. O Pontevedra estaba cómodo e asentado no terreo de xogo e apenas volvía sufrir ata alcanzado o ecuador do primeiro tempo. Transición moi rápida, o balón chegou a Jorge Delgado, que tentou bater ao gardameta granate, pero o porteiro estivo moi atento e rexeitou a córner cunha gran parada cos pés.
Tras o susto, os de Yago Iglesias envorcáronse en ataque en busca do segundo gol, pero os cántabros estaban cómodos en defensa e apenas sufrían.
De feito, o que si tivo serios problemas foi o Pontevedra cando o primeiro tempo chegou ao seu final. Avisou Eneko desde a frontal, pero o seu disparo foise á dereita. Volveu conectar o Rayo Cantabria, e a xogada acabou en saque de esquina que botou Corral desde a esquerda. Rematouno Carrascal, Santamaría cazou a segunda xogada e en boca de gol cabeceou á rede.
Ao fío do descanso, Charly tivo o 1-2 despois dunha xogada embarullada dentro da área pequena, pero apareceu un defensor baixo paus para evitar o segundo tanto granate.
Despois do paso polos vestiarios o Pontevedra saíu decidido a ir a por a vitoria, pero dominaba sen xerar ocasións claras de gol. O ariete granate puido establecer o segundo gol ao comezo do segundo tempo, pero Gomeza meteu a bota para evitar o gol.
Cesou o vendaval ofensivo e aos poucos o Rayo Cantabria volveu recuperar sensacións tras a entrada de Jeremy e Quicala Bari, que aproveitaron a súa velocidade para buscar facer dano á contra.
Estaban os de Lérez tendo problemas, e nunha xogada un tanto illada volveu poñer en vantaxe. Toño Calvo, que ingresara en lugar do amoestado Samu Mayo entrou na área, o balón quedou atrás e Carrascal enganchoulle o nocello. O colexiado non dubidou en pitar penalti e Dalisson encargouse de transformalo.
Co marcador de novo a favor regresaron os problemas para o Pontevedra. Os cántabros envorcáronse en busca do empate e acumularon atacantes, mentres os granates trataban de reforzarse en defensa coa entrada de Hermelo.
Pero ao contrario do desexado, os visitantes afundíronse por completo e seguían pasándoo mal. Neco Celorio puido empatar, pero Edu Sousa salvou outra vez os mobles ao seu equipo; pouco despois, nunha acción desafortunada de Entrecanales, Rufo a punto estivo de sentenciar, pero en lugar do 1-3 o que chegou foi o empate. O partido xa entrara no tempo de desconto, Santamaría apareceu no primeiro pau para devolver as táboas ao marcador e deixar sentenciados aos granates.
O tanto deixou tocado ao Pontevedra, que tivo os tres puntos no peto pero tívose que conformar cun empate que o mantén lídere da categoría empatado a puntos co Ourense CF, que fixo os deberes este sábado goleando por 4-1 ao Real Valladolid Promesas
RAYO CANTABRIA (2): Germán, Jorrín (Mateo G, min. 87), Carrascal (Entrecanales, min. 83), Diego Campo (Quicala Bari, min. 55), Delgado (Jeremy, min. 45), Dani González, Neco Celorio, Adrián Corral (Isaac Obeng, min. 83), Bustillo, Gomeza e Santamaría.
PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Bastos, Mario Gómez, Álex González (Guèye, 90+1), Borja, Yelko (Hermelo, min. 82), Chiqui (Zabaleta, min. 70) , Samu Mayo (Toño Calvo, min.45), Dalisson, Garay e Charly (Rufo, min. 82)
Goles: 0-1, Charly, min. 10. 1-1, Santamaría, min. 42. 1-2, Dalisson, min. 78. 2-2, Santamaría, 90+4.
Árbitros: Ibai Rezola Etxeberría, auxiliado en bandas por Aitor Urízar Díaz e Álex Rivas Etulain (colexio vasco). Amoestaron a Adrián Corral (30'), Diego Campo (51'), Dani González (64'), Carrascal (75') no Rayo Cantabria e a Samu Mayo (7'), Borja Domínguez (28'), Garay (73'), Edu Sousa (83') no Pontevedra.
Incidencias: Partido da xornada 27 de liga en Segunda RFEF disputado na Cidade Deportiva Nando Yosu.
Relacionadas:
-
Moitas ocasións e poucos goles ante o Marino dun Pontevedra que xa é líder en solitario (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra prepárase para recibir un Marino de Luanco "difícil de bater"
Por Diego Espiño |
-
Churre: "Se queremos quedar campións non pode escapar ningún punto de aquí"
Por Diego Espiño |
-
Marcos Barbeiro, baixa ante o Marino ao ser convocado pola selección de Santo Tomé e Príncipe
Por Diego Espiño |
-
Agarrados aos goles de Charly López
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias ve positivo o empate conseguido en Cantabria: "Moi poucos rivais sacaron os tres puntos deste campo"
Por Redacción |
-
Con Samu Mayo "ao 100%" para visitar o Rayo Cantabria
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a por un dos ascensos máis caros desde que existe a Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
Mario Gómez: "Creo que Ourense e Zamora van deixar poucos puntos"
Por Diego Espiño |
-
Cadeado á portería do Pontevedra seis xornadas despois
Por Diego Espiño |
-
Golpe encima da mesa do Pontevedra contra o Avilés e recuperación do liderado (2-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |