Así manexou o vestiario granate o intento de compra do Badajoz: Reunión no hotel e comunicación ao club e a AFE
Por Diego Espiño
A noticia sobre a investigación por un presunto intento de compra do partido da pasada tempada entre Badajoz e Pontevedra, desvelada este martes polo Diario ABC, correu como a pólvora desde primeira hora da mañá na Boa Vila.
Desde a entidade granate defenden a súa actuación neste caso, empezando pola decisión de non aliñar os dous futbolistas que recibiron as chamadas para tentear un posible amaño. Pero, como se viviu o desagradable suceso dentro do vestiario pontevedrés?
Tal e como sinala a investigación do caso, foron dous habituais do once inicial o pasado curso, porteiro e defensa, os que foron tenteados ofrecéndolles como contraprestación contratos coa entidade pacense para a seguinte tempada, recibindo a primeira chamada dous días antes do partido.
O nome dos futbolistas en cuestión adivíñase facilmente vendo que dous habituais caeron aquel día, penúltima xornada e co equipo xa descencido, do equipo titular, como son Pablo Cacharrón e David Soto.
Ambos os dous xogadores alertaron da situación os capitáns do equipo, que xa en Badaxoz concentrados no hotel convocaron unha reunión con todo o plantel nunha das habitacións para compartir o que estaba sucedendo, segundo confirmaron integrantes daquel equipo, e preguntar se alguén máis tiña recibido chamadas sospeitosas.
Así, entre todos, decidiuse comunicar a situación á cúpula do Pontevedra e tamén á Asociación de Futbolistas Españois (AFE), sindicato que posteriormente trasladou o caso á Real Federación Española de Fútbol como paso previo á presentación dunha denuncia por un presunto delito de corrupción no ámbito deportivo.
Os futbolistas decidiron ademais que, para protexerse, o mellor era que Cacharrón e Soto non xogasen o partido, decisión apoiada desde a entidade de Pasarón.
Esta forma de proceder despexa calquera tipo de sombra sobre o amaño do encontro desde Pontevedra, nin sequera no caso do porteiro que actuou no Nuevo Vivero, Álvaro Cortés, protagonista desgraciado do choque por un erro sobre o céspede que supuxo o gol do Badajoz que decidiu o choque (1-0), e é que o agora gardameta do Alzira non era o destinado a xogar o partido e ademais era consciente de toda a situación.
Relacionadas:
-
Jannick Buyla, detido pola Policía Nacional polo presunto intento de compra do Badajoz-Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Logroñés rompe con Jannick Buyla tras ser relacionado co intento de compra do Badajoz-Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Badajoz pronúnciase sobre o suposto intento de compra ao Pontevedra: "Reprobamos as acusacións á nosa institución"
Por Diego Espiño |
-
Un dos sinalados polo intento de compra do Badajoz-Pontevedra deféndese: "Estou convencido da miña inocencia"
Por Diego Espiño |
-
Investigan o intento de compra do Badajoz-Pontevedra en Primeira RFEF
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra regala os tres puntos a un Badajoz que quere manter a categoría (1-0)
Por Almu Dapena |