O Ciclo Voices trae a Pontevedra o flamenco de Rocío Márquez e Bronquio
Por Redacción
A artista onubense, Rocío Márquez, recoñecida pola prensa como "a voz da nova xeración do cante jondo" e o músico Bronquio, coñecido polo seu traballo na produción electrónica, chegan ao Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo 21 de outubro, dentro do ciclo Voices do Concello de Pontevedra, para presentar o seu traballo "Tercer cielo".
A cantaora flamenca, Rocío Márquez, leva máis dunha década labrándose unha sólida carreira artística converténdose nunha figura consolidada no panorama musical tras recibir numerosos premios, entre eles o "Les Victoires du Jazz 2020 (Francia) ó mellor Álbum de Músicas do Mundo" sendo a primeira artista española en logralo e o primeiro álbum de flamenco recoñecido.
Pola súa parte, Bronquio, produtor musical cunha dilatada traxectoria profesional ás súas costas e que colaborou con diferentes artistas como Kiko Veneno, Natalia Lacunza ou Anaju, tamén é coñecido entre o público por participar no programa Hoy empieza todo de Radio 3 (RNE).
"Tercer cielo" é unha combinación entre tradición e electrónica, aclamado pola crítica coma un dos mellores discos dos últimos anos, onde Rocío Márquez e Bronquio describen un itinerario que transcorre da fronte ó peito e de dentro ó mundo.
O ciclo Voices, promovido polo Concello de Pontevedra, continúa traendo a Galicia grandes artistas internacionais e referentes nacionais, posicionando á cidade como un espazo destacable para acoller xiras de recoñecido prestixio.
As entradas estarán dispoñibles dende este xoves 15 de xuño na web ataquilla.com a partir de 18 euros (máis gastos de xestión). Os menores de 4 a 12 anos dispoñerán de entradas ó 50% do prezo xeral.
Relacionadas:
-
Trangresión flamenca con Rocío Márquez e Bronquio no Pazo da Cultura
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Os 'Mundos Inmóviles Derrumbándose' de Nacho Vegas conquistan o Pazo da Cultura
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Manel pecha en Pontevedra a xira do disco 'Per la bona gent'
Por Redacción & Cristina Saiz |