Aberto o prazo para reservar casetas para a Culturgal 2022
Por Redacción
O Culturgal 2022 xa quenta motores de cara a súa 15 edición, que se celebrará do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A Feira abriu este venres ás 16:00 horas o prazo para que empresas, entidades e axentes do sector cultural reserven un espazo para presentar as súas propostas.
Neste ano, impulsada pola nova dirección da Feira coa produtora Eva Alonso e polo especial aniversario a celebrar, o evento renóvase tanto no deseño espacial como no deseño da programación. A venda de stands permanecerá aberta até esgotar existencias ou, no seu defecto, ata o 31 de outubro como data máxima de contratación.
Ademais, tamén están abertas as propostas para a programación xeral do evento, que poderán facerse, igual que as xestións de empresas e axentes coa Feira, a través da web. As entidades e persoas interesadas nun espazo físico nesta décimo quinta edición poden escoller a súa situación no recinto feiral.
Neste 2022 terán en conta a venda directa ou non dos expositores, e establece uns criterios específicos para stands dedicados á artesanía e tamén para os situados no Espazo Arte. Culturgal mantén prezos e, tamén, mantén descontos por pertenza a algunha das Asociacións Culturgal (AGAPI, AGE, Eganet, Escena Galega, Asociación Galega de Editoras), por reservar antes do 2 de outubro e pola fidelidade nas últimas edicións. "As empresas e institucións que cada ano reservan espazo na Culturgal son o motor da Feira", destacan desde a organización.
A Feira aproveitará tamén este ano para renovar o deseño da programación. Os espacios principais da Culturgal no Pazo serán os habituais das últimas edicións: Auditorio (dedicado ás artes escénicas e musicais), Salón de Actos (cinema e proxectos audiovisuais), Espazo Profesional, Espazo Libro, Espazo Infantil e Espazo Arte, son estes tres últimos os que se abren a propostas na convocatoria.
Eva Alonso, na dirección da Feira desde o mes de maio, destaca como obxectivo "unha programación que prima a calidade e a novidade por riba de cantidade de actividades ademais do carácter comunitario e colaborativo da Feira", que abre un proceso de selección para actividades nos espazos Libro, Infantil e Arte, que pecha o 16 de outubro. Aquelas entidades e empresas que reservan stand teñen prioridade na valoración das propostas de actividades presentadas.
Culturgal 2022 celebrarase do 24 ao 27 de novembro, adicando o primeiro día para unha xornada exclusiva para profesionais, empresas e asociacións sectoriais.
Adiantan desde a organización que durante as próximas semanas presentarán o seu lema e imaxe gráfica para o 15 aniversario así como algunhas sorpresas e novidades na programación xeral. Farao en Pontevedra xunto os seus patrocinadores institucionais: AGADIC-Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra.
A organización da Culturgal corre a cargo da asociación do mesmo nome integrada por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
Relacionadas:
-
Culturgal celebrará do 24 ao 27 de novembro os seus 15 anos cos fíos da cultura
Por Anxo Lourido |
-
Eva Alonso, produtora de artes escénicas e audiovisuais, nova directora do Culturgal
Por Redacción |
-
A revolución musical das Tanxugueiras, broche de ouro para o Culturgal do reencontro
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Culturgal bota man do teatro e da literatura para defender o galego ante o adverso
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |