A Deputación financia o concerto de Fuel Fandango, que abre as Festas de San Roque
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio co Concello de Vilagarcía de Arousa destinado a achegar fondos para as Festas de San Roque.
Na presente edición, debido ás restricións pola Covid, a axuda dirixirase á celebración do concerto de Fuel Fandango, que abrirá o programa musical a noite do 13 de agosto, unha vez suspendidos os actos multitudinarios da Festa da Auga.
A Festa da Auga, que tradicionalmente ten lugar ao mediodía do 16 de agosto, día de San Roque, foi cancelada polo Concello ao igual que outros actos que congregan a milleiros de persoas como o Combate Naval e o desfile de carrozas.
Se manteñen os concertos en espazos abertos e con aforo máximo de 500 persoas e medidas sanitarias para garantir a seguridade, así como o Festaclown.
Cunha aportación de 6.000 euros, a Deputación financia o concerto de Fuel Fandango, o dúo encargado de dar o pistoletazo de saída musical da gran festa da vila cun concerto gratuíto no parque de A Xunqueira.
O obxectivo da Deputación é dar a coñecer as festas de San Roque fóra das nosas fronteiras. Neste labor cobra moita importancia a Festa da Auga, para a que se agarda a súa celebración en 2022 e que, ao ser un evento declarado de interese turístico nacional, é un bo reclamo para a promoción exterior de Vilagarcía e por extensión de toda a provincia, xunto con outros eventos de similar catalogación.
Ademais da Festa da Auga, contan na provincia de Pontevedra coa distinción turística nacional a Festa do Marisco do Grove, a da Lamprea de Arbo e a da Reconquista de Vigo. A nivel internacional teñen esta categoría a Festa do Albariño de Cambados, a Romaría Viquinga de Catoira, a Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada, a Feira do Cocido de Lalín, a Arribada de Baiona e as alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas.
Relacionadas:
-
O Combate Naval tinguirá o ceo de Vilagarcía de 14 cores
Por Redacción |
-
Festaclown 2021 presenta a súa programación en Vilagarcía
Por Redacción |
-
O control dos botellóns será a prioridade para garantir a seguridade nas festas de San Roque
Por Redacción |
-
Immaculate Fools e Fuel Fandango, grandes atractivos das Festas de San Roque de Vilagarcía
Por Redacción |