
© Subdelegación do Goberno
O control dos botellóns será a prioridade para garantir a seguridade nas festas de San Roque

Por Redacción
A Xunta Local de Seguridade reuníase este mércores no Concello de Vilagarcía de Arousa co obxectivo de concretar o operativo especial de cara ás festas de San Roque.
Ao igual que o ano pasado, dada a supresión dos actos máis multitudinarios do programa debido ás restricións sanitarias, como o caso da festa da Auga, o Combate Naval ou o desfile de Carrozas, as forzas de seguridade centraranse na vixilancia do cumprimento da normativa COVID.
Neste sentido, a Policía Local e a Policía Nacional prestarán especial atención á posible celebración de botellóns e vixiarán as zonas precintadas en horario nocturno, como os parques e praias, para evitar a realización desta práctica prohibida, así como a aglomeración de xente en celebracións espontáneas. Así mesmo, haberá controis de tráfico que contarán coa realización de probas de alcoholemia e test de drogas.
As festas de San Roque comezarán oficialmente o venres 13 de agosto, co pregón do plantel do Arousa SC como homenaxe aos 75 anos do club e o recente ascenso á Segunda División RFEF. Con todo, previo a esta data xa haberá actos de rúa e tamén despois do 22 de agosto, cando oficialmente se pecha San Roque 2021.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, presidiron a Xunta Local de Seguridade. Na mesma, tamén participaron o concelleiro de Seguridade Cidadá, José María González; a Comisaria Provincial da Policía Nacional de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe do Corpo Nacional de Policía de Vilagarcía, Javier Piñeiro; o tenente xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Juan José López; e o xefe accidental da Policía Local de Vilagarcía, José Antonio Prego.
Nesta reunión repasáronse os protocolos sanitarios deseñados polo Concello para os actos festivos, no tocante a concertos e espectáculos de rúa. Na reunión corroborouse a idoneidade das medidas previstas en cada un deles para garantir a seguridade dos asistentes e que consisten en aforos reducidos, reserva previa con toma de datos para seguimento COVID, público sentado e distanciado, recintos acoutados con circuítos de entrada e saída diferenciados e uso obrigatorio de máscara, principalmente.
Como é habitual neste tipo de festexos, os efectivos dos tres corpos policiais existentes en Vilagarcía contarán con reforzos de municipios veciños, e especialmente do Corpo Nacional de Policía, que desprazará persoal doutras comisarías da zona.
Relacionadas:
-
Censuran a "falta de civismo" de Funzo e Baby Loud por animar o público a aglomerarse fronte ao escenario
Por Redacción |
-
Monicreques de Paporrubio nos Xardíns de Ravella, primeira actuación da nova tempada teatral
Por Redacción |
-
A Deputación financia o concerto de Fuel Fandango, que abre as Festas de San Roque
Por Redacción |
-
Nove denuncias polo consumo indebido de alcohol esta fin de semana en Vilagarcía
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Festaclown 2021 presenta a súa programación en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Immaculate Fools e Fuel Fandango, grandes atractivos das Festas de San Roque de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía cancela os actos máis multitudinarios das festas de San Roque
Por Oskar Viéitez |