Festaclown 2021 presenta a súa programación en Vilagarcía

Por Redacción

© Culturactiva

© Culturactiva

© Culturactiva
As festas de San Roque en Vilagarcía de Arousa arrincarán o 13 de agosto coa lectura do pregón. Dentro das actividades que se van desenvolver na localidade, haberá un espazo especial para a arte do clown.
Este xoves presentábase no Auditorio municipal a programación do Festaclown 2021, que un ano máis converterá Vilagarcía na capital galega do clown e das risas do 16 ao 21 de agosto.
Ao acto acudiron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a concelleira de cultura, Sonia Outón; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o coordinador do festival, Nacho Fungueiriño; e a artista Sue Moreno, que realizou un espectáculo de acrobacias aéreas.
"Tras máis dun ano marcado pola covid, que volvan o clown, o circo e a cultura é agora máis necesario que nunca. Non sabemos se a risa é a mellor medicina, pero sen dúbida demostrou ser imprescindible para resistir", declaraba Nacho Fungueiriño, coordinador do Festaclown.
Por Vilagarcía pasarán as mellores compañías galegas: Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas. Completan a programación grandes nomes a nivel estatal e internacional como Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty.
O compromiso social tamén estará presente no Festaclown, con actividades como o CheckPoint Clown de Pallasos en Rebeldía ou os espectáculos de narración oral pola igualdade e a diversidade, a cargo de Larraitz Urruzola e Xarope Tulú.
Antes do inicio oficial do Festaclown haberá actividades previas. Deste xeito, o 12 de agosto terá lugar a celebración dos 20 anos de clown dos artistas galegos Fran Rei e Pedro Brandariz, cunha escolma dos seus mellores momentos cómicos no espectáculo O gordo e o calvo: vinte anos despois. O día 13 o grupo de teatro Clámide celebrará os seus 40 anos de historia co seu particular Enfermo imaxinario. E o día 16 a compañía Troula e Somdolilá percorrerá Vilagarcía co seu espectáculo de rúa.
Relacionadas:
-
Censuran a "falta de civismo" de Funzo e Baby Loud por animar o público a aglomerarse fronte ao escenario
Por Redacción |
-
Monicreques de Paporrubio nos Xardíns de Ravella, primeira actuación da nova tempada teatral
Por Redacción |
-
A Deputación financia o concerto de Fuel Fandango, que abre as Festas de San Roque
Por Redacción |
-
O control dos botellóns será a prioridade para garantir a seguridade nas festas de San Roque
Por Redacción |
-
Immaculate Fools e Fuel Fandango, grandes atractivos das Festas de San Roque de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía cancela os actos máis multitudinarios das festas de San Roque
Por Oskar Viéitez |