O Combate Naval tinguirá o ceo de Vilagarcía de 14 cores
Por Redacción
As Festas de San Roque de Vilagarcía vivirán este sábado 20 de agosto un dos seus días grandes. O Combate Naval, o tradicional espectáculo pirotécnico no que se recrea a batalla do porto del Callao, en Perú, de 1866, regresará despois de dous anos de ausencia pola pandemia da covid-19.
A cita 2022 iluminará o ceo de Vilagarcía con ata 14 tonalidades diferentes de cor coas que contarán os máis de 7.000 efectos preparados para a ocasión pola Pirotecnia Penide. En total queimaranse 680 quilos de pólvora.
O Combate Naval volve a ter como punto de referencia o peirao do Ramal e a lámina de auga da Praia da Concha, de xeito que o espectáculo poderá admirarse en toda a súa plenitude dende este areal ata Carril. Os milleiros de persoas que acoden cada ano a presenciar este sinalado evento das festas de San Roque poden acomodarse perfectamente ao longo dos dous quilómetros do paseo marítimo e no ancho areal das praias da Concha-Compostela.
O espectáculo contará con lanzamento de fogos de artificio dende terra e dende o mar. Haberá cohetes aéreos e tamén acuáticos, que se irán alternando ata chegar ao esperado momento da batalla. Unha vez que se prenda o Castelo situado no peirao do Ramal, unha estrutura de 36 metros de largo por 12 de alto, comezará o fogo cruzado entre este e as tres embarcacións que o atacarán dende o mar. Rematada a loita comezará a gran tirada final de fogos aéreos que porá fin ao espectáculo.
Con motivo da celebración do Combate Naval, prohibirase o estacionamento no frontal do parque de A Concha, así coma na primeira parte de Rosalía de Castro cara a praia. Será neste ultimo punto onde se instalen os vehículos de asistencia sanitaria e emerxencias.
Durante a celebración do espectáculo pirotécnico manterase pechado ao tráfico o tramo da avenida Rosalía de Castro comprendido entre a glorieta do Ramal e a rúa San Xosé.
Ademais, prevense retencións de tráfico en Rosalía de Castro, Juan Carlos I, avenida da Mariña e Rivero de Aguilar nos momentos previos ao inicio do Combate Naval e tamén nos posteriores, debido ao importante fluxo de peóns que atravesan estas vías para asistir ao espectáculo e, ao remate, para regresar ao centro da cidade.
A Policía Local recomenda aos condutores chegar coa antelación suficiente e abandonar a zona de xeito gradual; evitar o acceso dende Rosalía de Castro; utilizar os estacionamentos disuasorios; e evitar acceder ao centro urbano. Para vehículos en tránsito, recoméndase utilizar as vías de circunvalación (N-640, e VG-4.7).
O operativo especial de protección e seguridade do Combate Naval mobilizará este ano 40 persoas dos distintos corpos e servizos implicados, que actuarán tanto por terra como por mar.
Varias patrullas da Policía Local e Nacional así como unha portuaria actuarán sobre o terreo, onde tamén se disporá de dúas ambulancias de soporte vital básico dotadas cada unha con dous técnicos en emerxencias sanitarias, e estarán dispoñibles tres vehículos de extinción de incendios do Servizo Municipal de Emerxencias.
Por mar actuará unha patrulla da Garda Civil apoiada por tres embarcacións da agrupación local de Protección Civil.
O operativo estará dirixido e coordinado dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias.
Relacionadas:
-
Vilagarcía pecha as Festas de San Roque co Desfile de Carrozas
Por Redacción |
-
A Deputación financia o concerto de Fuel Fandango, que abre as Festas de San Roque
Por Redacción |
-
Vilagarcía cancela os actos máis multitudinarios das festas de San Roque
Por Oskar Viéitez |
-
Vilagarcía suspende o espectáculo pirotécnico e a Noite de Meigas polo avance do coronavirus
Por Redacción |
-
Vilagarcía queimará 690 quilos de pólvora no combate naval cun castelo que gana en dimensións
Por Redacción |