O XXII Memorial Ricardo Portela homenaxeará esta fin de semana ao gaiteiro e artesán ‘Xocas’
Por Redacción
O XXII Memorial Ricardo Portela, organizado pola Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, homenaxeará ao gaiteiro, palleteiro e artesán Xaquín Míguez Rodríguez ‘Xocas’. O acto será o domingo 11 de xullo ás 21:00 horas.
O Memorial terá lugar durante os días 9, 10 e 11 de xullo na praza da Ferraría e, como novidade nesta edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos presenta a reedición da biografía de Ricardo Portela, que fora editada en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón.
Segundo explica Alberto Pires, da Asociación de Gaiteiros Galegos, a elección de ‘Xocas’ como figura homenaxeada este ano responde "á vontade de homenaxear a un gaiteiro recentemente falecido, moi querido e valorado e que ademais fixo unha gran contribución ao desenvolvemento do instrumento compartindo o seu coñecemento de autodidacta".
XAQUÍN MÍGUEZ RODRÍGUEZ ‘XOCAS’
Xaquín Míguez Rodríguez ‘Xocas’ naceu nas Muras en 1940, no concello de Pazos de Borbén, nunha familia de músicos. Seu avó era gaiteiro e palleteiro e seu pai, tamén gaiteiro, formaba parte do grupo "Os Airiños de Pazos".
Con só dez anos xa integraba a súa propia formación, "Los infantiles de Las Muras". En 1954 emigrou xunto con seu pai ao Brasil e de volta en Galicia enrolouse nun barco cableiro e arribou a moitos países de Europa e América, sempre acompañado da gaita.
Unha vez de regreso ao seu Pazos natal, dedicouse tanto a tocar como a compoñer ocasionalmente e, sobre todo, a fabricar artesanalmente as súas gaitas e as súas propias palletas, actividade na que destacou como un grande autodidacta.
Faleceu o 27 de xullo do ano 2019 na mesma casa das Muras que o viu nacer.
‘RICARDO PORTELA. DÚAS PALABRAS VERBO DA GAITA GALEGA’
Dentro do Memorial presentarase, o sábado 10 de xullo ás 20:30h. na praza da Ferrería, a reedición da biografía ‘Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega’ coa presenza do seu autor, José Luis Calle García. O libro, que fora editado en 1988 en vida do gaiteiro de Viascón, conta agora con 4 capítulos novos que fan referencia á pegada que Ricardo Portela deixou tras o seu pasamento. Trátase dunha obra de referencia para a música tradicional que non só achega a vida do gran mestre senón que afonda na súa técnica e no seu xeito de expresar coa gaita.
MOSTRA DE ARTESANÍA
A XIX Mostra de Artesanía de instrumentos tradicionais volverá instalarse no paseo Antonio Odriozola entre as 17:00 e as 21:30 horas e contará con doce postos: Afonso Castro (O Rosal), Alberto Pires (Pontesampaio), Diego Langarika (Mondariz), Iago Salgado (Teo), Lorena Reinaldo (Soutomaior), Luís Martínez (Soutomaior), Master Gaita (Sada), Nebra (Porto do Son), Queima (Redondela), Suso Gestal (Ordes), Tunhas (Brión) e Xaneco (Outeiro de Rei).
PROGRAMA MUSICAL DO XXII MEMORIAL RICARDO PORTELA
Pasarrúas:
- Venres 9 (17:30 h.): Arghaço (Cangas do Morrazo), Ghaiteiras d'Arredor (Bueu), Gaiteiros da Rias Baixas (Pontevedra) e Herbaxeiros Gaiteiros (A Coruña)
- Sábado 10 (11:30 e 18:00 h.): Boucisca (Lugo), Gaiteiro de Poio (Compostela), Os Lerenses (Pontevedra) e Picuiña (Marín)
- Domingo 11 (11:30 e 18:00 h.): Gaiteiros do Ulla (Vedra), Gargallada (A Coruña), Lubicáns (Ourense) e Os Mecos de Ogrobe (O Grove)
Concertos no escenario:
- Venres 9 (21:00 h.): Acordeireta
- Sábado 10 (21:00 h.): Alvariza
- Domingo 11 (21:15 h.): Ghaveta
Relacionadas:
-
RADIO.- A AGG reedita a biografía de Ricardo Portela cunha parte inédita tras o seu falecemento
Por Marisa Ciordia |
-
Homenaxe a Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade no centenario do seu nacemento
Por Redacción |
-
Pontevedra reivindica a Ricardo Portela como "mestre de mestres" no centenario do seu nacemento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Memorial Ricardo Portela homenaxea o papel da muller na conservación da música tradicional
Por Cristina Saiz & Redacción |