Pontevedra reivindica a Ricardo Portela como "mestre de mestres" no centenario do seu nacemento
Hai xusto cen anos, o 4 de novembro de 1920, nacía Ricardo Portela. Foi, sen dúbida, o gran transmisor dunha tradición musical, a da gaita galega, que pasou grazas ao seu incansable e apaixonado esforzo, de ser considerado un instrumento popular e humilde a materia de estudo, mostrando o seu gran valor artístico, cultural e identitario para Galicia.
Con motivo do centenario do seu nacemento, Pontevedra acolleu unha sentida homenaxe, limitada polas restricións da covid-19, fronte á casa na que o artista viviu, na Rúa Laranxo, ante a cal se depositou un ramo de flores.
"El estaría moi orgulloso vendo que o seu amor pola gaita medrou en Galicia ao longo do tempo", sinalou Gonzalo Lorenzo Portela, neto do homenaxeado, que agradeceu en nome de toda a súa familia este recordo ao seu avó.
Xoan López, membro fundador do grupo Treixadura, asegurou que celebrar esta efeméride é "especialmente emocionante" para el, que mantivo un estreito contacto con Ricardo Portela. "Para min era un ídolo", lembrou.
"Tocaba como falaba", apuntou o artista, que destacou o "aire de certa solemnidade" coa que Portela manexaba sempre a gaita, facendo gala de "moito pouso e tranquilidade".
Na súa intervención, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que "non pode haber mellor indicador de inmortalidade que o de ser mestre de mestres", como demostra o sinal que o 'gaiteiro de Viascón' deixou en posteriores xeracións.
Fernández Lores reivindicou o "papel fundamental" de Ricardo Portela no estudo, perfeccionamento e "dignificación" da gaita galega, xunto cunha forma diferenciada de tocar "propia no noso país" e que, engadiu, "é a expresión da alma galega".
O acto concluíu coa interpretación a gaita, por parte de Óscar Ibáñez e respectando o estilo 'portelano', dun dos temas máis coñecidos de Ricardo Portela, Aires de Pontevedra.
Esa canción, segundo Eduardo Esteban, o iniciador do Memorial Ricardo Portela, "fixo de Pontevedra un referente" e contribuíu a "situar a cidade non mundo".
Pontevedra homenaxea a Ricardo Portela no centenario do seu nacemento
Con motivo do centenario do seu nacemento, Pontevedra acolleu organizou unha sentida homenaxe, limitada polas restricións da covid-19, fronte á casa na que o artista viviu, na Rúa Laranxo. "El estaría moi orgulloso vendo que o seu amor pola gaita medrou en Galicia ao longo do tempo", sinalou o seu neto
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Óscar Ibáñez & Tribo ofrece este sábado un concerto homenaxe ao 'Gaiteiro de Viascón'
Por Redacción |
-
O XXII Memorial Ricardo Portela homenaxeará esta fin de semana ao gaiteiro e artesán ‘Xocas’
Por Redacción |
-
RADIO.- A AGG reedita a biografía de Ricardo Portela cunha parte inédita tras o seu falecemento
Por Marisa Ciordia |
-
‘Ricardo Portela e Pontevedra’ será o tema dun faladoiro este xoves no Museo
Por Redacción |
-
Homenaxe a Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade no centenario do seu nacemento
Por Redacción |
-
O Memorial Ricardo Portela homenaxea o papel da muller na conservación da música tradicional
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Ano Ricardo Portela aprázase a 2021 pola situación sanitaria
Por Redacción |