A Praza de Ourense acolle unha mostra recompilatoria da evolución musical: 'Cantámola en galego'
Por Redacción
14 paneis mostran a evolución da música cantada en lingua galega durante as últimas décadas. Desde este luns pódese visitar esta exposición denominada 'Cantámola en galego' na Praza de Ourense ao longo de todo o mes de maio.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de normalización Lingüística, Alberto Oubiña, inauguraban a mostra que está comisariada polo crítico Pepe Cunha e a xornalista Teresa Cuíñas. A montaxe conta tamén con imaxes cedidas polas fotógrafas Beatriz Ciscar e Alba Sotelo.
Pepe Cunha sinalaba que existe un gran descoñecemento sobre a música interpretada en galego porque abundan os tópicos que relacionan o seu uso coa música tradicional ou con movementos combativos como o bravú. O crítico indicou que existen numerosas propostas musicais e que esta exposición permitirá poñelas en valor e difundilas entre o público. Cada panel recolle un estilo e tendencia.
Cunha insistiu en que cada vez existe máis oferta musical por internet en lingua galega e que nunha mostra deste tipo sempre faltarán artistas, pero indicaba que "todas as propostas que están son imprescindibles".
A xornalista Teresa Cuíñas foi a encargada de centrarse nas propostas locais relacionadas coa música dentro da mostra. Por este motivo, fixo un repaso de iniciativas como a traxectoria de Cantos na Maré na cidade, Culturgal, o Salón do Libro, Festivais como Surfing the Lérez e propostas de promoción musical como Cabos Soltos ou o Galegote Rock, que permiten divulgar e recoñecer o traballo que se desenvolve en Pontevedra, que na maioría de ocasións parte da tutorización de proxectos que se realiza no Local de Música, definido por Cuíñas como un "laboratorio de música e de socialización" entre a xente nova.
Segundo explicou o concelleiro responsable de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, a exposición poderá visitar centros de estudo e outros espazos durante o próximo curso, ademais contará con folletos explicativos e versión dixital, a través dunha unidade didáctica, tanto en formato impreso como descargable a través do web do Concello, para alumnado de secundaria realizada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial. Tamén haberá a posibilidade de acceder á música que se recolle na mostra a través de plataformas como Spotify ou Youtube.
Relacionadas:
-
Santa Clara acollerá a gala de entrega dos Premios Mil Primaveras
Por Redacción |
-
Os Premios Mil Primaveras recoñecen a achega do proxecto 'Cantámola en galego' á normalización lingüística
Por Redacción |
-
Un concerto de Niños Mutantes abre unha nova etapa de expansión de ‘Cabos Soltos’
Por Natalia Puga |
-
A mostra 'CantáMOLA en galego' percorrerá os centros de ensino de Pontevedra
Por Redacción |
-
RADIO.- As "pequenas cousas" de Peña interprétanse no Galegote e están en 'A playlist'
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Tres días de Galegote Rock para gozar en Pontevedra das novas tendencias da música en galego
Por Alejandro Espiño |
-
A terceira edición da Xeración Sónica conectará coa universidade
Por Oskar Viéitez |
-
A incubadora de bandas de Pontevedra inicia a súa segunda edición con seis grupos
Por Manu Otero |
-
Pontevedra goza dunha boa dose de música en galego cun novo Galegote Rock
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!
Por Redacción |