Unha cinta galega e catro internacionais abren o festival de curtas de Bueu
Por Redacción
A sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu da comezo este luns 2 de setembro coa proxección da fita de animación O xigante, única obra galega da sección oficial, á que seguirán outras catro cintas internacionais. Ao igual que nos días sucesivos, haberá dous pases diarios no Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra), ás 20.00 e ás 22.15 horas, coa mesma programación e entrada de balde.
Tras O xigante, pasarase a montenegrina Sve to (Todo iso, 2012), do realizador Branislav Milatovic. Seguiranlle Sessiz-Bé deng (Silencioso, 2012), do turco L. Rezan Yesilvas, e Oma (2012), unha coprodución entre Brasil e Uruguai dirixida por Michael Wahrmann. A primeira xornada do FICBUEU2013 pecharase con Rétention (Retención, 2013), fita dirixida por Thomas Kruithof que chega desde Francia, o país máis representado no festival cun total de nove producións ou coproducións.
O martes 3 de setembro proxectaranse outros cinco títulos dos 25 que concursan no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. A noite abrirase con Alcoholic (Ucraína, 2013), de Yulia Gontaruk, para continuar con Les souvenirs (Francia, 2012), do cineasta Renaud Martin, e La France qui se lève tot (Francia, 2011), do realizador Hugo Chesnard. A sesión concluirá con Jimjyrt (Kirguistán, 2012), dirixida por Nargiza Mamatkulova, e Penny Dreadful (Estados Unidos, 2012), de Shane Atkinson.
O mércores continuarán os visionados con propostas basicamente europeas, mentres que o xoves haberá oco para dúas fitas africanas. O venres rematarán as proxeccións, pero o FICBUEU2013, organizado pola Concellería de Cultura, prolongarase ata o sábado, día en que se celebrará a entrega de premios.
Toda a información sobre o festival permanece dispoñible na web www.ficbueu.com.
Relacionadas:
-
O filme de Kirguistán Jymjyrt gaña o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Cineastas internacionais participarán na gala de clausura do festival de curtas de Bueu
Por Redacción |
-
Unhas 550 persoas ateigaron o arranque máis concorrido do Festival de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
O Festival de Curtametraxes de Bueu internacionalízase na súa sexta edición
Por Redacción |
-
O director de Cineuropa estará do 2 ao 7 de setembro no xurado do festival de curtas de Bueu
Por Redacción |