Unhas 550 persoas ateigaron o arranque máis concorrido do Festival de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción
Preto de 550 persoas asistiron o luns á primeira xornada de proxeccións do FICBUEU2013, marcando o comezo máis exitoso das seis edicións do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Como vén sendo habitual, a sesión das 22.15 horas foi a máis concorrida, con colas na entrada do Centro Social do Mar mesmo tres cuartos de hora antes do inicio, mentres que na das 20 horas resultou máis doado conseguir butaca, polo que a organización suxire acudir a este primeiro pase.
Entre as novidades deste ano, destaca o photocall situado ás portas da sala de proxeccións, onde o público aproveitou para fotografarse xunto á escultura deseñada polo tamén ilustrador Marc Taeger. Trátase dunha cámara de cine made in Bueu, elaborada con material de refugallo a base de boias, madeiras e aramios, que protagoniza a imaxe gráfica desta sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. As fotografías do photocall están a xerar unha gran viralidade no Facebook do certame, onde as persoas retratadas non perden a oportunidade de comentar e compartir a súa experiencia.
En canto ás obras exhibidas na xornada inaugural, Rétention (Francia, 2013), cinta dirixida por Thomas Kruithof sobre a situación dos inmigrantes indocumentados, foi a curtametraxe mellor valorada da noite. Á entrada de cada pase, os asistentes reciben unha papeleta para puntuar os títulos do día, que ao saír introducen nunha furna. Ao remate da semana, a obra máis votada farase co Premio do Público, dotado con 500 euros.
As proxeccións do FICBUEU2013 continúan esta noite con Alcoholic (Alcohólica, 2013), dirixida pola ucraniana Yulia Gontaruk; a cinta de animación gala Les souvenirs (Recordos, 2012), do realizador Renaud Martin, e o musical La France qui se lève tot (A Francia que madruga, 2011), do tamén francés Hugo Chesnard. Pecharase a xornada cunha curta procedente de Kirguistán, Jimjyrt (Silencio, 2012), e outra estadounidense, Penny Dreadful (Penny a terrible, 2012), de Shane Atkinson.
O mércores pasarase En dag am fräien (Luxemburgo, 2012), de Govinda Van Maele; Edmond était un âne (Francia/Canadá, 2012), dirixida por Franck Dion; Shavi Tuta (Francia/Xeorxia, 2012), do cineasta Gabriel Razmadze; Abgestempelt (Austria, 2012), do realizador Michael Rittmannsberger, e La strada di Raffael (Italia/España, 2013) de Alessandro Falco.
Relacionadas:
-
O filme de Kirguistán Jymjyrt gaña o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Cineastas internacionais participarán na gala de clausura do festival de curtas de Bueu
Por Redacción |
-
Unha cinta galega e catro internacionais abren o festival de curtas de Bueu
Por Redacción |
-
O Festival de Curtametraxes de Bueu internacionalízase na súa sexta edición
Por Redacción |
-
O director de Cineuropa estará do 2 ao 7 de setembro no xurado do festival de curtas de Bueu
Por Redacción |