Cineastas internacionais participarán na gala de clausura do festival de curtas de Bueu
Por Redacción
Cineastas chegados de diferentes países participarán este sábado 7 de setembro na gran gala de clausura que pechará a sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Representantes de distintas cintas españolas e internacionais en competición acudirán á entrega de premios, mentres que outros estarán presentes de xeito virtual.
A cerimonia, con entrada libre e de balde, dará comezo ás 21.30 horas no Centro Social do Mar cunha homenaxe sorpresa, como xa acontecera o pasado ano. Ao remate, os asistentes recibirán o seu convite para a festa de peche que se celebrará no pub Aturuxo, amenizada por un DJ.
O actor César Aldea volverá conducir o acto, no que se proxectarán tres das curtas galardoadas. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, faralle entrega do recoñecemento ao gañador do certame, dotado con 2.000 euros. O segundo premio, que ascende a 1.000 euros, outorgarao o ilustrador suízo Marc Taeger, creador da cámara que protagoniza a imaxe gráfica do FICBUEU2013.
O concelleiro de Cultura, Andrés Lamosa, vai entregar o Premio do Público, fixado en 500 euros. A mesma contía obterá quen se faga co Premio á Mellor Curtametraxe Galega, patrocinado pola Fundación Novas, que será entregado por Xacio Baño, merecedor deste galardón na anterior edición do festival.
Integrantes do xurado e membros do equipo de selección farán entrega asemade dos once diplomas aos gañadores das categorías artísticas e técnicas: director, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe/perruquería, son, montaxe e música. Anunciaranse tamén os nomes dos espectadores que acertaran os tres premios principais, facéndose así cunha butaca reservada para o próximo ano. A 'quiniela' poderá recollerse nas sesións de hoxe e deberá depositarse o sábado, antes de que dea comezo a gala.
Este venres será o último día para que os asistentes puntúen as curtas da noite, de cara a conceder o Premio do Público. Ás 20.00 e ás 22.15 horas visionaranse as últimas cinco cintas das 25 que conformaron a sección oficial. As proxeccións comezarán coa rusa 'Home' ('Fogar', 2012), de Ruslan Magomadov e a holandesa 'Junkyard' ('Chatarrería', 2012), do cineasta por Hisko Hulsing.
A fantasía terá a continuación un papel protagonista, coa curtametraxe italiana de ciencia ficción 'LV-225' (2012), realizada por Ettore Biondo, e a surrealista 'Misterio' (España, 2013), de Chema García Ibarra, realizador que gañara o Premio Especial do Xurado no 1º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, en 2008. As proxeccións concluirán co filme francés 'Patika' ('Camiño', 2013).
'Bobby' (Túnez, 2013), dirixida por Mehdi M. Barsaoui, resultou a máis votada o xoves, mentres que 'Abgestempelt' foi a favorita o mércores, 'Penny dreadful' o martes e 'Rétention' o luns.
Relacionadas:
-
O filme de Kirguistán Jymjyrt gaña o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Unhas 550 persoas ateigaron o arranque máis concorrido do Festival de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Unha cinta galega e catro internacionais abren o festival de curtas de Bueu
Por Redacción |