O director de Cineuropa estará do 2 ao 7 de setembro no xurado do festival de curtas de Bueu
Por Redacción
A organización do Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu segue revelando detalles da súa edición 2013. A máis recente é a configuración do xurado que avaliará as 25 producións que concursan na sexta edición do festival, organizado pola Concellería de Cultura. Estará integrado por tres destacados especialistas no eido do cinema: o director de Cineuropa, José Luis Losa; o realizador e profesor Paulino Pérez; e a historiadora Cecilia Novas.
José Luis Losa dirixe en Santiago de Compostela o festival internacional Cineuropa desde a súa fundación no ano 1987. Periodista de formación, traballou en varios xornais como comentarista e crítico de cine, e a día de hoxe faino en La Voz de Galicia. Ten colaborado en diversos medios como Le Monde Diplomatique, Vogue, Cadena Ser, Antena 3 Radio ou Fotogramas. Como autor publicou varias novelas.
Licenciado en Ciencias da Información e doutor en Comunicación Audiovisual e Publicidade, Paulino Pérez traballou na realización de programas e informativos na Televisión de Galicia. Na actualidade é profesor na facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra e coordina o módulo de Produción e Realización en Televisión.
Cecilia Novas, licenciada en Historia da Arte, especializouse no eido da historia do cine, onde as súas liñas de investigación estiveron relacionadas co xénero e a posmodernidade. Ten publicado artigos no semanario A Nosa Terra ou na web contrapoder.info. Traballou asemade no Museo de Arte Contemporánea de Vigo e actualmente faino no Museo de Pontevedra.
Os filmes proxectaranse no Centro Social do Mar do 2 ao 7 de setembro. O FICBUEU2013 está dotado cun primeiro premio de 2.000 euros, un segundo premio de 1.000 euros, un premio de 500 euros para a mellor produción galega e un premio do público tamén de 500 euros. Haberá ademais diplomas para o mellor director, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe/perruquería, son, montaxe e música.
Relacionadas:
-
Unhas 550 persoas ateigaron o arranque máis concorrido do Festival de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Unha cinta galega e catro internacionais abren o festival de curtas de Bueu
Por Redacción |
-
O Festival de Curtametraxes de Bueu internacionalízase na súa sexta edición
Por Redacción |
-
O FICBUEU consolida a súa proxección internacional e recibe curtas de 56 países dos cinco continentes
Por Redacción |