Caldas reforza o cartel dunha nova semana de "Cultura Quente" que coincide coas festas patronais
Por Redacción
Unha semana máis de verán o "Cultura Quente 2020" adaptado á "nova normalidade" regresa para seguir enchendo de actividade e ambiente as noites festivas de Caldas de Reis.
Coincidindo coa semana na que deberían ter lugar as festas patronais canceladas no seu formato habitual por mor do coronavirus (día 15 na parroquia de Santa María e día 16 na de San Roque), o cartel de actividades e música en vivo refórzase nesta ocasión con ata 15 propostas artísticas da máxima calidade coas que se busca facer as delicias de caldenses e visitantes, ao tempo que se ofrece proxección e se poñen en valor os artistas e creacións locais.
Coa finalidade de dinamizar todos os espazos urbanos e favorecer a actividade de comercio e hostalería, nesta semana o groso dos concertos recala novamente no Campo da Torre.
Os xigantes e cabezudos de Caldas de Reis que son o elemento común a todas as festas patronais dende hai décadas tampouco van faltar nesta ocasión e animarán as rúas cada mediodía, de xoves a domingo, acompañados da música do Grupo de Gaitas As Espiñas.
Dentro do ciclo "Música da escola" protagonizado por música instrumental de artistas que comezaron na Escola Municipal de Música de Caldas de Reis, chega esta semana o cuarteto de saxofóns Hemiolia, que actuará o día 13, ás 21.30 no Campo da Torre. Esta agrupación está formada por mocidade da zona de Caldas e Pontevedra que se xuntaron para desfrutar da música e que individualmente se formaron con grandes mestres do saxofón como Fernando Ramos, Andrés Gomís, Arno Bornkamp, etc. Ademais, participaron como solistas en Bandas como a de Pontevedra, Barro, Salcedo ou Caldas. O seu concerto pasa tanto por interesantes estilos musicais como por adaptacións de melodías latinas ou jazz.
O venres, día 14, o Grupo de Gaitas Maquía de Godos engadirá notas de tradición e boa música ao vermú. Xa pola noite no Campo da Torre, Dj Moe actuará ás 22.00 como teloneiro de Pablo Balseiro que o fará ás 23.00. Este músico de recoñecida traxectoria combina temas propios de estilos como a rumba con versións de diferentes artistas e estilos.
O sábado 15 o vermú estará amenizado polo grupo de metais Quinteto Terraza e pola noite no Campo da Torre Dj Óscar (22.00 horas) dará paso ao concerto de Musical Horizonte, un dúo especializado en música bailable de todo tipo como boleiros, baladas, cumbias, merengues, etc.
Para pechar a semana do mellor xeito, a agrupación de música tradicional Fanfarria Furruxa acompañará o vermú a partir das 12.30 horas. E ás 20.00 chega á Carballeira de Caldas o concerto do Quinteto de Percusión da Orquestra Clásica de Vigo dentro do programa "Música no Ar" da Deputación de Pontevedra. Este ciclo de música clásica instrumental clásica achega as interpretacións a lugares singulares e conxuntos patrimoniais co obxecto de facerlles vivir aos presentes "mundos imaxinarios" en todo un "desafío aos sentidos".
Todos os actos desenvolveranse adaptados conforme ás medidas de prevención e seguridade pública fronte a covid-19, polo que terán límite de aforo e a máscara e o distanciamento interpersoal serán obrigatorios.
Relacionadas:
-
Caldas fai balance dun Cultura Quente marcado pola pandemia
Por Redacción |
-
Cultura Quente bota o peche na Carballeira de Caldas cun concerto de música clásica
Por Redacción |
-
A novena edición do Festival Orixe comeza en Caldas adaptada ás limitacións sanitarias
Por Redacción |
-
Caldas de Reis recibe unha axuda para a protección das súas árbores senlleiras
Por Redacción |
-
Meraki abre a última semana de Cultura Quente e Igloo pechará o festival
Por Redacción |
-
Cuarta semana do Cultura Quente en Caldas, coa música de Froján e Las Varas e arte na rúa con Kaldarte
Por Redacción |
-
Máis de 100 artistas e 20 agrupacións locais pasarán en agosto polo Cultura Quente 2020
Por Redacción |
-
A Tafona de Caldas de Reis colle esta semana o relevo como emprazamento das propostas do 'Cultura Quente'
Por Redacción |
-
Cultura Quente retoma o xoves a súa programación tras unha primeira semana de notable acollida
Por Redacción |
-
Comeza o Festival Cultura Quente con sesión de contos para adultos, DJs e música local
Por Redacción |
-
O 'Cultura Quente 2020' preséntase en cinco bloques temáticos que apostan pola creatividade local
Por Redacción |