Caldas de Reis recibe unha axuda para a protección das súas árbores senlleiras
Por Redacción
As árbores da Carballeira e do Xardín Botánico de Caldas de Reis recibirán un tratamento especial para favorecer a súa protección, grazas á subvención da Consellería de Medio Ambiente ao abeiro da Orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
A axuda de 7.973,84 euros destinarase a actuacións de mantemento e conservación sobre as árbores declaradas senlleiras da Carballeira de Caldas e do Xardín Botánico e catalogadas como Ben de Interese Cultural. Trátase da achega máis importante das 13 concedidas a administracións locais e outras entidades pola Xunta de Galicia no marco desta liña de axudas.
Os traballos desenvolveranse segundo as pautas de acción establecidas no Plan Director do Arborado do Xardín Botánico e da Carballeira realizado o ano pasado polo doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe Pedro Calaza.
A maior parte dos tratamentos consistirán na poda de conservación, na limpeza e na eliminación de madeira morta. Tamén será preciso en varios casos reducir a copa así como o peso e a carga dos eixos estruturais. Os labores levaranse a cabo tanto con medios mecánicos como manuais.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca que tanto a Carballeira como o Xardín Botánico son dous espazos naturais emblemáticos de Caldas de Reis e que esta actuación é moi necesaria para manter nas mellores condicións o conxunto, tanto no seu bo estado biolóxico e natural como para uso e desfrute por parte da veciñanza.
Relacionadas:
-
'Biblioteca no Xardín' anuncia as súas actividades de lecer infantil en Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Caldas contrata o Plan de Restauración do Xardín Botánico
Por Redacción |
-
'A Biblio volve ao xardín' no Botánico de Caldas de Reis en setembro
Por Redacción |
-
Caldas reforza o cartel dunha nova semana de "Cultura Quente" que coincide coas festas patronais
Por Redacción |
-
Caldas arromba as súas zonas verdes ante a autorización de posibles saídas
Por Redacción |
-
Caldas e Cuntis, Vilas en Flor
Por Redacción |