Volve 'Galaicos', con catro meses por diante para descubrir o patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia
Por Redacción
A exposición da Deputación de Pontevedra 'Galaicos: Un pobo entre dous mundos', que nos últimos meses chegou a máis de 32.000 persoas en Madrid e Valencia, volveu á casa e está a disposición de todas as persoas que a queiran visitar ata o próximo 2 de febreiro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
A mostra inaugurouse este venres cunha representación teatral das actividades artesanais da Idade de Bronce e de Ferro e da época romana, como adianto do contido que se poden atopar os visitantes durante os catro próximos meses: un percorrido polo patrimonio arqueolóxico e cultural de Pontevedra e de todo Galicia.
O acto de apertura ao público contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva; o director do Museo, José Manuel Rey; varios deputados provinciais; e o comisario da mostra, Antoni Nicolau. Todos participaron nunha visita teatralizada que levou ás persoas asistentes ata a prehistoria e historia antiga da provincia de Pontevedra.
Os presentes coñeceron como se desenvolvían actividades artesanais, económicas ou sociais, identificadas en diferentes xacementos arqueolóxicos, e tamén os diferentes papeis que xogaron nestes aspectos tanto homes como mulleres.
Esta iniciativa naceu co obxectivo de favorecer un turismo sostible baseado na historia, co fin de atraer visitantes durante todo o ano e durante os próximos meses tamén servirá para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, o xerme o Museo da cidade.
'Galaicos' abarca a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI e pretende amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo. Reúne no Sexto Edificio do Museo máis de sesenta obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así como información sobre algúns dos xacementos da provincia, como os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo, Adro Vello e A Lanzada tardía.
Durante o tempo que dure a exposición, ata o 2 de febreiro, a Deputación vai desenvolver múltiples actividades arredor desta mostra, como anunciou a presidenta, entre elas, visitas guiadas e dramatizadas, sesións de conferencias, recreacións históricas e xornadas gastronómicas.
Relacionadas:
-
Tanxugueiras pecha a exposición 'Galaicos', que visitaron no Museo 12.000 persoas en catro meses
Por Redacción |
-
Organizan tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición 'Galaicos'
Por Oskar Viéitez |
-
Mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros completarán as actividades da exposición 'Galaicos' no Museo
Por Redacción |
-
A mostra "Galaicos" recalará no Museo de Pontevedra tras ser visitada por máis de 32.000 persoas en Madrid e Valencia
Por Redacción |
-
'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' centrará a atención en Valencia no Día internacional dos Museos
Por Redacción |
-
"Galaicos é moito máis que unha exposición, é unha inxeción de autoestima"
Por Redacción |
-
Pontevedra presume en Madrid do seu patrimonio arqueolóxico
Por Redacción |
-
Madrid, Valencia e Barcelona acollerán unha exposición co patrimonio arqueolóxico de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |