Tanxugueiras pecha a exposición 'Galaicos', que visitaron no Museo 12.000 persoas en catro meses
Por Redacción
O concerto do trío Tanxugueiras pechou este xoves as actividades organizadas durante os catro últimos meses arredor da exposición 'Galaicos: un pobo entre dous mundos' no Museo de Pontevedra. A mostra aínda se poderá visitar ata este domingo 2 de febreiro no Sexto Edificio, pero este xoves realizouse a clausura oficial con esta actuación e coa presencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director do Museo, José Manuel Rey.
A presidenta provincial subliñou a grande acollida da exposición, que nos catro últimos meses recibiu no Museo de Pontevedra ata 12.000 visitas, "un extraordinario balance" que tivo como broche de ouro unha velada co trío formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e Aida Tarrío e a súa aposta pola música de raíz, as letras reivindicativas e o feminismo.
Pontevedra foi a parada final desta ambiciosa mostra, organizada polo departamento de Turismo da Deputación, e que nas súas anteriores estadías no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e no Museo da Prehistoria de Valencia acadou 18.000 e 14.000 persoas, respectivamente.
En total foron máis de 44.000 as persoas que puideron achegarse a esta exposición e comprobar que Galicia, e en concreto a provincia de Pontevedra, foi o centro da relación entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, hai 2000 anos.
O director do Museo destacou que "reconforta" o éxito que tivo esta exposición e fixo fincapé no público heteroxéneo que recibiu, onde destacou de xeito especial a gran cantidade de visitas de escolares recibidas, non só da provincia pontevedresa, senón tamén de Ourense e da Coruña.
'Galaicos: un pobo entre dous mundos', comisariada polo historiador Antoni Nicolau e o arqueólogo Rafael Rodríguez, reúne máis de medio cento de obxectos arqueolóxicos, acompañados doutros materiais, como proxeccións ou ilustracións arqueolóxicas, que tratan de achegar a realidade de Galicia durante o período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI.
Relacionadas:
-
Organizan tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición 'Galaicos'
Por Oskar Viéitez |
-
Mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros completarán as actividades da exposición 'Galaicos' no Museo
Por Redacción |
-
Volve 'Galaicos', con catro meses por diante para descubrir o patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia
Por Redacción |