Jose Luis Guerín, padriño da Edición 01 do festival Novos Cinemas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Nove longametraxes de diferentes nacionalidades participarán na sección oficial da Edición 01 do festival Novos Cinemas. Será o 28 de xuño ao 3 de xullo e contará con padriño de excepción, o director José Luis Guerín, segundo desvelaron este martes os seus organizadores.
A primeira edición do festival de cinema internacional de Pontevedra recollerá unha retrospectiva de José Luis Guerín. Novos Cinemas ofrecerá tres obras do consagrado cineasta e unha sesión especial na que el mesmo comentará pezas relacionadas con outros autores que lle influíron e os seus propios referentes.
Ademais, a sección comezará coa súa última película, La academia de las musas, que será a proxección inaugural dun total de seis días de festival.
José Luis Guerin impartirá ademais un seminario sobre os novos cinemas dos anos 60, reflexionando e analizando movementos como o New American Cinema, a Nouvelle Vague ou o Novo Cinema brasileiro, prestando atención aos seus manifestos e con interese no concepto de grupo de persoas novas que comezan a facer cinema.
A principios de xuño abrirase a convocatoria para preinscribirse neste seminario que se desenvolverá durante os tres primeiros días de festival.
Na sección oficial competirán nove longametraxes de diferentes nacionalidades: francesa, chinesa, española, estadounidense, colombiana, portuguesa, brasileira, estoniana e belga. Unha delas foi seleccionada a través da colaboración coa Asociación Cultural Convergencias da Crítica Cinematográfica.
Nesta sección, chamada Resonancias, o festival ofreceu a posibilidade de programar unha das películas que competirán a un crítico ou crítica cinematográfica, buscando dar voz ás firmas máis novas, especialmente as xurdidas da internet.
As películas a competición poderán optar a tres premios: premio Novos Cinemas á mellor longametraxe cunha dotación económica de 2.000 euros, premio Xurado Novo "Screenly" e premio do público "Cinemas de Galicia", en colaboración con AGADIC.
O premio Novos Cinemas será outorgado a un xurado composto por tres personalidades internacionais do mundo do cinema mentres que o Xurado Novo estará composto por cinco universitarios do campus de Pontevedra.
A programación da Edición 01 completarase con máis proxeccións, actividades, encontros e mesas redondas.
Ademais, Novos Cinemas#Lab será un programa que ten como obxectivo xerar unha área de orientación para o desenvolvemento de proxectos de realizadores noveis, e no que participarán catro directores que serán asesorados por expertos recoñecidos a nivel internacional.
Os máis pequenos terán tamén o seu espazo en + Novos, unha sección que inclúe cinema clásico e actual na liña editorial do festival, proxectado paro nenos e adolescentes, e cun coloquio posterior que lles axude a reflexionar sobre a película que acaban de ver e mostrarlles outros tipos de cinema aos que normalmente non acceden.
Relacionadas:
-
'La academia de las musas' e José Luis Guerín inauguran a edición 01 do festival internacional Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Xa están á venda as entradas para o festival Novos Cinemas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Nove películas competirán na sección oficial da edición 01 do festival Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
O río Lérez, protagonista do festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Clausúrase a Edición 0 de Novos Cinemas con éxito de público
Por Diego Torrado |
-
Aperitivo de cinema
Por Redacción |
-
Nace 'Novos Cinemas', un festival de cine para detectar talento emerxente
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |