Aperitivo de cinema
Por Redacción
Haberá alfombra vermella como en todo festival de cinema que se tercie; pero de momento nos prolegómenos da primeira edición de Novos Cinemas, a alfombra despregada foi de cor verde. Este venres 11 de decembro comezou a edición cero desta iniciativa cultural. Durante a mañá, a Casa das Campás acolleu un seminario impartido polo cineasta Javier Rebollo expoñendo cales son os erros que se deben evitar ao facer unha película hoxe en día.
A Casa da Luz acolleu a presentación do programa deseñado ata o domingo e acompañouna dun aperitivo para os asistentes. Vermú, tapa "de nova cociña" e chips, todo produto autóctono para aproveitar as sinerxias que xeran citas como esta con presenza foránea, ademais da local. Photocall promocional e cámaras, moitas cámaras gardando testemuño do inicio deste proxecto promovido polo Concello de Pontevedra, Universidade de Vigo e a produtora Matriuska.
En representación do primeiro, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, encomiou a iniciativa da Concellería de Cultura que trata de dar resposta a unha demanda social e que a arte e a industria creativa contribúan a conseguir unha cidade moderna e con visibilidade no exterior. O vicerreitor da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho, apuntaba dun lado, que este festival encaixa no proxecto de especialización no que traballa a entidade académica. Doutro, destacou a resposta que tivo a parte formativa, xa que foi necesario aumentar o número de prazas previstas para asistir aos encontros previstos con profesionais do sector.
Finalmente, Daniel Froiz, produtor de Matriuska, agradecía a sensibilidade que ambas entidades tiveron para sacar adiante Novos Cinemas e desexou que este sexa un "proxecto vivo" que sirva ademais para poñer a Pontevedra no "mapa do cinema".
Javier Rebollo é o director que esta tarde abriu as proxeccións no Teatro Principal e que tamén participa na sesión comentada previa á exhibición de "Les 400 coups" de Truffaut. Estas sesións continúan este sábado 12 de decembro con tres estreas: "Volta á terra" do portugués João Pedro Plácido, "Un jeune poète" de Damien Manivel e "Les amigues de L'Âgata" de Laia Alabart, Alba Cros, Laura Rius e Marta Verheyen.
A clausura será o domingo, tamén no Principal coa actuación en directo de Lois Patiño+Esquelas.
Relacionadas:
-
Jose Luis Guerín, padriño da Edición 01 do festival Novos Cinemas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O río Lérez, protagonista do festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Clausúrase a Edición 0 de Novos Cinemas con éxito de público
Por Diego Torrado |
-
Decembro acolle o avance do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Nace 'Novos Cinemas', un festival de cine para detectar talento emerxente
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |