Decembro acolle o avance do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra
Por Anxo Lourido
'Os 400 golpes' ('Les 400 Coups'), de François Truffaut será o buque insignia da edición cero de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que se vai a desenvolver entre o 11 e o 13 de decembro. Esta edición é un avance do festival que se celebrará durante o mes de xuño de 2016.
Durante os tres días que dura este avance poderase gozar na cidade da proxección de cinco películas, ademais dun seminario e de encontros con novos autores.
O cineasta Javier Rebollo achegarase a Pontevedra para presentar a súa película 'Lo que sé de Lola', que se exhibirá no Teatro Principal a partir das 17.00 horas do venres 11 para, a continuación, ofrecer unha sesión especial na que revisará a obra cume de Truffaut, Os 400 golpes, que se ofrecerá despois con entrada libre ata completar o aforamento do Principal.
Este martes 1 de decembro presentouse na Casa da Luz a edición cero deste festival coa presenza de dous dos promotores deste proxecto, Suso Novás e Ángel Santos, que xunto ao produtor Daniel Froiz quixeron dotar a Pontevedra deste certame para todos aqueles que estean interesados no cinema e en autores novos.
Así durante este avance poderanse ver tres estreas en Galicia, 'Un Jeune Poète', 'Les amigues de L'Àgata' y 'Volta à Terra', unha película portuguesa que aínda non foi exhibida en España e cuxo director estará presente nestas xornadas.
Ao mesmo tempo, Javier Rebollo ofrecerá un seminario na Casa das Campás baixo o título "Só se fai unha primeira película unha vez". Ademais ofreceranse dous encontros con novos autores coa participación de diversos cineastas, durante o sábado, e de catro produtores e distribuidores na xornada do domingo.
As entradas para as películas xa se poden adquirir a través de ATaquilla a un prezo de dous euros, coa posibilidade de comprar un abono por 5 euros. Os encontros son gratuítos do mesmo xeito que a exhibición de 'Os 400 golpes'.
Trailer da película 'Lo que sé de Lola', de Javier Rebollo
Relacionadas:
-
Gústache o cine de autor? Tres martes de abril tes unha cita no Principal
Por Anxo Lourido |
-
Clausúrase a Edición 0 de Novos Cinemas con éxito de público
Por Diego Torrado |
-
Aperitivo de cinema
Por Redacción |
-
Nace 'Novos Cinemas', un festival de cine para detectar talento emerxente
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |