Gústache o cine de autor? Tres martes de abril tes unha cita no Principal
Por Anxo Lourido
Abril é un bo mes para gozar do cinema e daquelas películas que non chegan habitualmente ás salas comerciais. O CineClube ofrece esa opción durante tres martes do próximo mes. Este colectivo tamén comeza unha nova etapa de colaboración cos promotores de Novos Cinemas, responsables do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra. Entre ambos os equipos prograrmarán a primeira sesión de cada mes co obxectivo de ofrecer unha selección de primeiras e segundas obras de directores interesantes.
O martes 5, ás 20.15 horas, o Teatro Principal acolle a proxección de 'Los hongos', unha película do colombiano Óscar Ruíz Navia. Cóntanos a historia dun home que perde o seu traballo por roubar uns botes de pintura que utilizaba para levar a cabo un gran mural.
O Martes 19 ofrécese 'Sabine Kleist, 7 Jahre', unha obra que ofrece a historia de Sabine, unha moza que foxe do orfanato. Trátase dunha película que soprende e resulta todo un descubrimento para o espectador. Logrou en premio CIFEJ no Festival Internacional de Cinema de Berlín.
O ciclo deste mes finalizará con 'Winter adé', que se proxectará o martes 26. O argumento céntrase na vida da propia directora, Helke Misselwitz, unha documentalista autora dun dos poucos films feministas que se realizaron na República Democrática Alemá.
Todas as sesións comezarán ás 20.15 no Principal. A entrada é libre.