Nove películas competirán na sección oficial da edición 01 do festival Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño
Pontevedra entra con forza no circuíto español de festivais de cinema. Faino coa edición 01 de Novos Cinemas, un certame de carácter internacional que se celebrará do 28 de xuño ao 3 de xullo e que busca detectar talento emerxente. Así, as nove películas que competirán na súa sección oficial son primeiras ou segundas películas de cineastas de todo o mundo.
Tras unha edición piloto o pasado mes de xuño, Novos Cinemas desprega todo o seu esplendor e alcanza, segundo o seu director Daniel Froiz, "o nivel máis alto que nos marcáramos". Proxectaranse cintas "recoñecidas e premiadas" en diversos festivais e que, xunto coas outras seccións e as actividades paralelas, ofrecerán unha experiencia "única" para os espectadores.
Ángel Santos, director artístico do festival, explicou que para a sección oficial "buscamos nova narrativa". Non querían apostar por "cinema visible", senón que a filosofía é apostar por películas que se non fora por iniciativas como esta "non poderían chegar por motivos de distribución". Son, destacou, exemplos do cinema "máis vangardista" que se está facendo nestes momentos pero "moi accesible" para o público.
A programación da sección oficial do festival, que se proxectará no Teatro Principal, é a seguinte:
Mércores 29 de xuño
19.30 horas: Short Stay, de Ted Fendt (Estados Unidos)
22.00 horas: Risttuules, de Martti Helde (Estonia)
Xoves 30 de xuño
19.30 horas: Baden Baden, de Rachel Lang (Francia-Bélxica)
22.00 horas: Dead Slow Ahead, de Mauro Herce (España-Francia)
Venres 1 de xullo
19.30 horas: Lu Bian Ye Can, de Bi Gan (China)
22.00 horas: Les Deux Amis, de Louis Garrel (Francia)
Sábado 2 de xullo
17.00 horas: Branco Sai, Preto Fica, de Adirley Queirós (Brasil)
19.30 horas: John From, de Joao Nicolau (Portugal)
22.00 horas: Sementa, de Ángela Osorio e Santiago Lozano (Colombia-Alemaña)
A proxección inaugural do festival estará protagonizada por La academia de las musas, a última película do director español José Luis Guerín, a quen se lle dedica este ano a sección Retrospectiva. Ademais dun encontro co cineasta, que ademais impartirá un seminario na Casa das Campás, ao longo da semana exhibiranse os filmes Inisfree e Tren de sombras, dúas dos títulos da súa extensa traxectoria.
Novos Cinemas levará as súas proxeccións tamén ao aire libre cunha sesión dobre na Praza da Pedreira, que acollerá a sección #BaixoAsEstrelas. Nela ofreceranse os filmes Esa sensación (venres 1 de xullo, 23.00 horas) e Los exiliados románticos (sábado 2 de xullo, 23.00 horas). Este último irá acompañado dun concerto da banda Tulsa, protagonista da banda sonora da película.
A oferta do festival complétase coa proxección das pezas creadas polos participantes do obradoiro Mirar o Río, un espazo para profesionais onde se presentarán diferentes proxectos, ou unha sección dedicada a nenos de entre 8 e 15 anos, +Novos, que inclúe a proxección das películas Le Ballon Rouge e Le Nouveau ou un obradoiro no que os participantes aprenderán técnicas cinematográficas.
Daniel Froiz destacou ademáis que o certame conta cunha cabeceira creada pola artista Carla Andrade e que o seu orzamento ascende a 50.000 euros.
Na presentación desta edición 01 de Novos Cinemas participaron, entre outros, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, o director do Agadic, Jacobo Sutil; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Todos eles expresaron o seu desexo de que este certame se converta nunha referencia nunha provincia, a de Pontevedra, cunha fonda vinculación co cinema.
Relacionadas:
-
José Luis Guerin, director de cine: "No váis a tener dificultad en vender Pontevedra como plató, pero no a cualquier precio"
Por Anxo Lourido |
-
'La academia de las musas' e José Luis Guerín inauguran a edición 01 do festival internacional Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Xa están á venda as entradas para o festival Novos Cinemas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Jose Luis Guerín, padriño da Edición 01 do festival Novos Cinemas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O río Lérez, protagonista do festival Novos Cinemas
Por Redacción |