Afundación presenta unha ampla programación de actividades escénicas para escolares de Pontevedra
Por Redacción
Afundación presentou este martes a súa nova proposta de actividades educativas centradas nos ámbitos expositivo e escénico-musical para a cidade de Pontevedra. Trátase, sinalan os responsables da obra social herdeira das antigas caixas de aforros, dunha completa programación de artes escénicas, exposicións e talleres que se ofertarán os mozos pontevedreses. Poderanse realizar tamén visitas guiadas por parte de centros escolares.
A programación de actividades escénicas en Pontevedra é a seguinte:
- As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (17 de outubro, 10.00 e 12.00 horas)
No limoeiro de Anxa e Elías agromaron cinco laranxas xigantes. Unha delas estoura cando Elías a toca. Co estrondo, os veciños acoden desencadeando anécdotas insólitas, disparatadas e divertidas cos donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo, o Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo e a galiña Petra coma protagonistas. Para alumnos de primeiro ciclo de Primaria.
- O cocido sinfónico (10 e 11 de novembro, 10.00 e 12.00 horas)
As portas deste peculiar restaurante ábrense dispostas a ofrecer aos seus comensais as músicas máis saborosas, acompañadas dos pratos máis suculentos e anovadores. Teatro, música e humor mestúranse neste espectáculo adobados con varias disciplinas como a música en directo ou o clown. Bo proveito! Para alumnos de primeiro ciclo de Primaria.
- Antía, Wamba e o regato pequeno (do 17 ao 19 de novembro, 10.00 e 12.00 horas)
Wamba, un mozo do Congo, conta a Antía historias que falan de África e Europa, do que nos sobra e falta, de compartir, de valorar o importante, de ollar con esperanza... Son catro contos para bailar, cantar, xogar e tamén para sentir e pensar. Os relatos fan reflexionar sobre a solidariedade, a igualdade e o que nos podemos achegar uns aos outros. Para alumnos de segundo ciclo de Primaria.
- Nos meus zapatos (26 e 27 de novembro, 10.00 e 12.00 horas)
Que difícil é encontrar, neste mundo das présas e da globalización, o espazo axeitado para recoñecérmonos e sermos recoñecidos polos outros. Os artistas camiñan buscando a propia identidade e convidan a reflexionar. A música que envolve o espectáculo xera unha atmosfera actual e intensa que propicia os sentimentos e empurra o pensamento. A Fundación Igualarte traballa o desenvolvemento artístico en persoas con capacidades diferentes. Para alumnos de primeiro ciclo de ESO.
- Spinderella (19 e 20 de xaneiro, 10.00 e 12.00 horas)
Cindy sempre quixo ser unha estrela do pop, pero só pode cantar cando cociña e limpa para a súa horrible irmá Becky. Un día, a fada madriña de Cindy, A Raíña do Karaoke, lévaa a un concurso de canto. Esta moderna versión de A Cincenta inclúe temas como a boa alimentación, a vida activa e a persecución dos nosos soños. Para alumnos de terceiro ciclo de Primaria.
- Contos de Titiritrapo (do 27 ao 30 de xaneiro, 10.00 e 12.00 horas)
Contos de Titiritrapo é o fantástico mundo dos animais que habitan nos contos e nas melodías que xorden alegres das cordas do violín. Sobre o escenario están un músico e unha actriz que, por medio da danza, o xesto e o ritmo, dan vida a multitude de personaxes feitos cos materiais reciclados máis insospeitados. Recomendado para nenos de 3 a 6 anos.
- Na procura do tesouro (24 e 25 de febreiro, 10.00 e 12.00 horas)
Xurxo estaba convencido de que aqueles debuxos nas pedras eran as marcas do mapa dun tesouro, pero por moito que o intentaba, nunca descifraba nada. Ata que Moura, a gardiá da cova, o espertou cos seus cantos para pedirlle que a liberase da malvada Serpe. Lendas, romances, zanfonas, alalás, cantigas, refráns... conforman as sendas que levan a descubrir un auténtico tesouro colectivo: a lingua. Para alumnos de segundo ciclo de Primaria.
- Os Narigudos (do 4 ao 6 de marzo, 10.00 e 12.00 horas)
Na illa dos Narigudos todo son problemas por mor dos enormes narices dos seus habitantes. Bartolo é escollido para ir procurar a solución á casa do Chan Tanda, o home máis sabio do mundo. Mais a vida está chea de tentacións. E se puidese trocar o seu nariz por un máis pequeno? A obra fai reflexionar sobre a solidariedade e a importancia de valorarnos como somos. Para alumnos de primeiro ciclo de Primaria.
- Invención (do 18 ao 20 de marzo, 10.00 e 12.00 horas)
Odaiko repasará as grandes invencións do home, desde o século XVIII coas de J. S. Bach, creador do rock daquela época, ata a actualidade con outras moitas produto da industrialización, da introdución do plástico... Chegará á conclusión de que o pasado é o reflexo do futuro. Como en todos os espectáculos, a conexión de Odaiko co público será o prato principal. Para alumnos de terceiro ciclo de Primaria. (Para primeiro ciclo de ESO, 13 e 14 de abril)
- A nena e o grilo no país dos abrazos (do 22 ao 24 de abril, 10.00 e 12.00 horas)
A través de cancións con tintas de pop, rock, reggae ou bossa nova, cóntase a historia da amizade entre unha nena e un grilo. Ambos descóbrennos emocións e sentimentos, ensínannos a vivir e conseguen que nos mergullemos nun universo máxico. Unha historia que nos fai medrar uns centímetros en doses de ilusión, creatividade e imaxinación. Recomendado para nenos de 3 a 6 anos.
A todas estas actividades unirase a exposición Fotógrafos da natureza 2014. European Wildlife Photographer of the Year, que se poderá visitar nas instalacións do Café Moderno entre os meses de outubro a xaneiro. A raíz dunha nova edición desta convocatoria fotográfica de referencia no panorama das imaxes de natureza, Afundación organiza a mostra coas instantáneas presentadas ao concurso coa vocación de difundir a inmensa riqueza da flora e fauna en todos os ecosistemas do planeta.
Relacionadas:
-
Bailaríns con diversidade funcional reflexionarán sobre a comunicación a través da danza
Por Redacción |
-
"Nos meus zapatos", un espectáculo para escolares sobre o poder integrador da danza
Por Mónica Patxot |
-
Preto de 1.700 escolares reservaron praza nos obradoiros da exposición Wildlife 2014
Por Redacción |
-
Escolares pontevedreses degustan un divertido "cocido sinfónico" en Afundación
Por Mónica Patxot |
-
O Café Moderno, máis preto da natureza que nunca
Por Redacción |
-
As 'laranxas máis laranxas' de Carlos Casares volven ao teatro da man do Centro Dramático Galego
Por Redacción |
-
Levántase o pano en Afundación: "Cena con amigos" abre a tempada teatral de outono en Pontevedra
Por Redacción |
-
Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño |