Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño
Seis obras de teatro formarán parte da programación que Afundación, a nova denominación baixo a que se engloba a obra social de Novacaixagalicia, preparou para o próximo outono. Estrelas do talle de Concha Velasco, Asunción Balaguer, Liberto Rabal, María Adánez ou Nuria González estrearán as súas novas montaxes teatrais no centro social que a entidade ten en Pontevedra, situado na rúa Augusto González Besada.
A nova tempada estrearase o sábado 20 de setembro coa obra Cena con amigos. Trátase dunha montaxe galardoada co premio Pulitzer no ano 2000. Protagonizada por May Pascual, Gloria López, José Olmo e Orencio Ortega fala do mundo da parella a través da relación entre catro amigos que se coñecen dende a xuventude. Nunha cea, unha das parellas anuncia a súa ruptura e a amizade que crían inquebrantable cambaléase.
Olivia y Eugenio, pola súa banda, supoñerá o regreso a Pontevedra de Concha Velasco, catro anos despois de representar na cidade La vida por delante. Xa recuperada da súa enfermidade, a veterana actriz ponse ás ordes do director José Carlos Plaza para interpretar unha enferma de cancro que se enfronta a esta situación extrema ao lado do seu fillo, un mozo con síndrome de Down. Representarase o 11 de outubro.
Catro días despois, o 15 de outubro, será a quenda de Una vida robada. Asunción Balaguer, Carlos Álvarez-Nóvoa, Ruth Gabriel e Liberto Rabal forman o elenco desta obra que analiza o drama sobre os casos dos nenos roubados e as consecuencias persoais que sofre unha familia cando un segredo que estivo oculto dende hai moito tempo ameaza con descubrirse na residencia dun doutor.
O 21 de novembro, Afundación acollerá a representación de No te vistas para cenar. Trátase dunha comedia de enredo creada por Marc Camoletti e protagonizada por Yolanda Arestegui, Aurora Sánchez, Cuca Escribano, Antonio Vico e Jesús Cisneros. Narra a historia dun home que invita á súa amante a pasar uns días con el e tamén a un amigo como coartada. Pero a reunión romántica converterase nunha noite movida na que todos finxen ser o que non son.
Nuria González é a protagonista de Taitantos, a montaxe que se poñerá en escena o 28 de novembro. Nela, a actriz dá vida a unha muller de corenta e tantos anos, blogueira de éxito e nai separada cunha filla adolescente, que se encontra ante as dificultades de buscar parella debido á presión social, que demanda un aspecto xuvenil e perfecto, e ás súas propias inseguridades. Foi un dos grandes éxitos da carteleira madrileña o último ano.
A última obra de teatro do ano será Insolación, o 16 de decembro. Trátase dunha obra con texto de Emilia Pardo Bazán e adaptada por Pedro Víllora. Cun reparto composto por María Adánez, Álex García, Chema León e Mona Martínez, trasladará os espectadores ao Madrid de finais do século XIX onde unha moza viúva e atractiva, constrinxida pola aristocracia conservadora, asume a capacidade de pensar e decidir pola súa conta.
Por agora, as entradas para cada unha destas obras de teatro non están á venda. Si se pode adquirir, pola contra, o aboamento para a tempada completa, que permite o acceso ás seis obras programadas. Pódese adquirir a través de www.servinova.com.
Relacionadas:
-
A Emilia Pardo Bazán máis 'escandalosa' chega a Pontevedra con "Insolación", protagonizada por María Adánez
Por Redacción |
-
Nuria González loita contra o tempo en clave de comedia en Afundación
Por Diego Torrado |
-
Concha Velasco volve a Pontevedra con "Olivia y Eugenio", unha emotiva obra de teatro
Por Redacción |
-
Afundación presenta unha ampla programación de actividades escénicas para escolares de Pontevedra
Por Redacción |
-
Levántase o pano en Afundación: "Cena con amigos" abre a tempada teatral de outono en Pontevedra
Por Redacción |
-
A tempada teatral pontevedresa arranca con "Cena con amigos", gañadora do Pulitzer no 2000
Por Redacción |
-
Unha persoa vinculada coa cultura e o ámbito social representará a Pontevedra en Afundación
Por Alejandro Espiño |
-
Concha Velasco, María Adánez e Liberto Rabal actúan este outono en Pontevedra
Por Redacción |