Levántase o pano en Afundación: "Cena con amigos" abre a tempada teatral de outono en Pontevedra
Por Redacción
A tempada teatral de Afundación en Pontevedra xa está en marcha. O pano levantouse coa obra Cena con amigos, un texto de Donald Margulies galardoado co Premio Pulitzer no ano 2000, que se representou este sábado con grande asistencia de público no centro social que a entidade ten na cidade do Lérez.
Cena con amigos é unha obra intelixente e tremendamente fermosa, cun humor delicado no que todo comeza cunha simple cea entre amigos, na que se comparten anécdotas, recordos e viaxes comúns. Pero unha noticia, a ruptura dunha das parellas, empeza a quebrantar a serenidade destas familias economicamente acomodadas, burguesamente constituídas e existencialmente satisfeitas.
Os efectos da disolución marital fan que se mova todo aquilo que parecía estar no seu lugar. Como pezas dun dominó, a caída traerá aparellada un estalido que derreterá o pende diso que parecía tan ben construído. Aquel aparente equilibrio desaparecerá para dar lugar a unha realidade máis cuestionada, que leva aos protagonistas a indagar non só de quen nos facemos amigos, senón con quen eliximos compartir a nosa vida.
Os actores May Pascual, Gloria López, José Olmo e Orencio Ortega interpretaron en Pontevedra os catro protagonistas desta produción, que atraeu a atención de centos de persoas que encheron as butacas do Centro Social de Afundación.
A programación de teatro neste auditorio pontevedrés continuará o próximo 11 de outubro coa obra Olivia e Eugenio, unha montaxe que supoñerá o regreso a Pontevedra de Concha Velasco, catro anos despois de que a actriz representase na cidade La vida por delante.
Relacionadas:
-
O drama dos nenos roubados chega a Pontevedra coa obra de teatro "Una vida robada"
Por Redacción |
-
Concha Velasco volve a Pontevedra con "Olivia y Eugenio", unha emotiva obra de teatro
Por Redacción |
-
Ponteatro, aposta do Pazo da Cultura e o Teatro Principal para os xoves de outono
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Afundación presenta unha ampla programación de actividades escénicas para escolares de Pontevedra
Por Redacción |
-
A tempada teatral pontevedresa arranca con "Cena con amigos", gañadora do Pulitzer no 2000
Por Redacción |
-
Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño |